O Concello de Betanzos e o Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín organizan a campaña “Betanzos. Poesía no comercio”

216

O Concello de Betanzos e o Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín organizan a campaña “Betanzos. Poesía no comercio” por segundo ano consecutivo. Esta campaña naceu como froito da colaboración do Servizo de Normalización Lingüística co Equipo de Dinamización Lingüística arredor do Día da Poesía (21 de marzo), o Día Internacional do Libro e da Lectura (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio).

“Betanzos, poesía no comercio” pretende dar a coñecer os poemas creados polo alumnado de distintos cursos do CEIP Francisco Vales Villamarín. A proposta daralle a máxima difusión ás creacións poéticas que o alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín creou ao longo de todo o mes de marzo, mes no que se celebra o Día da Poesía. Os betanceiros máis miúdos crearon máis de cento trinta poemas que se espallarán por todo Betanzos grazas á colaboración de diversos comerciantes locais.

Ao igual que o ano pasado, a colaboración dos comercios betanceiros viría da man do reparto das poesías entre o vindeiro 23 de abril e o 31 de maio de 2018, datas entre as que se conmemoran o Día Internacional do Libro e da Lectura e o Día das Letras Galegas. O Concello de Betanzos facilitaríalle os carteis distintivos da campaña aos comercios participantes, así como as propias poesías que se entregarían con cada compra no comercio local.

Todos aqueles establecementos que queiran participar poderán anotarse ata o vindeiro luns 16 de abril comunicando a túa participación no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Oficinas Xerais) a través do teléfono 981 770 011 (ext. 2224) ou no enderezo electrónico [email protected].