150 autocaravanas no día inaugural da área de estacionamento de Betanzos, unha das tres mellores de Galicia

1059
A inauguración contou coa presenza de propietarios/as dunhas 150 autocaravanas de Galicia e Asturias

O Concello de Betanzos inaugurou a súa primeira área de servizo de autocaravanas que, segundo a Asociación Galega de Autocaravanas está “entre as tres mellores de Galicia”. A alcaldesa, María Barral, explicou que o turismo é un dos motores fundamentais da economía de Betanzos e por esa razón “Betanzos non podía darlle as costas a este tipo de turismo de autocaravanas que nos últimos anos se incrementou de forma considerable e que vai seguir medrando nos próximos anos. Betanzos non podía darlle as costas porque ten moito que ofrecerlle a este tipo de turismo”.

Durante a inauguración, que contou coa presenza de propietarios/as dunhas 150 autocaravanas de Galicia e Asturias que estaban estacionadas na zona, a primeira edil agradeceulle a colaboración da Asociación Galega de Autocaravanas o seu asesoramento “desde o primeiro momento para facer realidade esta área”.

A zona conta cunha superficie de 4998 m², dos cales 1226,50 m² se destinarán á área de servizo para autocaravanas. Contará cunha zona de estacionamento-pasanoite das autocaravanas por un tempo limitado con capacidade para 12 vehículos, unha zona de agarda xunto á plataforma e unha zona específica de localización de servizos ou plataforma (auga, saneamento).

María Barral indicou que o proxecto se executou seguindo “unha política de mellora das infraestruturas públicas e vendo que o fenómeno do autocaravanismo en España, ou turismo itinerante, experimentou un crecemento moi importante nos últimos anos”.

A utilización desta área de estacionamento de autocaravanas estará limitada a unha estadía temporal non podendo, de ningún modo, establecerse como zona de acampada ou cámping, e debendo considerarse como zona de paso ou parada técnica que permita visitar Betanzos, a súa contorna e lugares de interese, así como recargar o depósito de auga da autocaravana, baleirar os depósitos de augas e depositar outros residuos de maneira controlada en instalacións preparadas para tal finalidade.

Os traballos tiveron un orzamento de licitación de 74.281,98 euros.