A campaña “O galego, a miña lingua propia” achegouse aos institutos de Betanzos no mes das Letras Galegas

230

A campaña “O galego, a miña lingua propia” da Deputación da Coruña achegou na pasada semana actividades de dinamización lingüística ao IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar. A proposta naceu coa vontade de contribuír á posta en valor da lingua galega, o incremento do seu uso e prestixio, á socialización en galego da mocidade e á toma da consciencia sociolingüística da poboación máis nova da provincia da Coruña, sempre desde unha perspectiva favorable á diversidade lingüística e cultural.

O 24 e 25 de maio tivo lugar no IES As Mariñas e no IES Francisco Aguiar un pequeno concerto de Monoulious Dop, un proxecto musical galego para internet coa finalidade de dinamizar, ensinar, valorar, respectar e divertirse coa música en galego mediante a interacción coa rapazada da ESO dos centros de ensino betanceiros.

A proposta da Deputación da Coruña levouse a cabo coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos e os Equipos de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar.