O Concello e a Deputación toman a iniciativa para conservar e rehabilitar o Pasatempo ante a inacción da Xunta da Galicia

74
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado Bernardo Fernández e o edil Diego Fernández, mantiveron unha reunión para desbloquear a situación do parque betanceiro.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, anuncia que o Concello asumirá a redacción do proxecto tras o incumprimento do compromiso da Xunta de realizalo de forma conxunta

A Deputación solicítalle a Patrimonio que permita o uso inmediato dos 600 000 euros consignados para acometer medidas urxentes de conservación. O Concello e a Deputación acordaron unha folla de ruta para levar a cabo a conservación e rehabilitación do Pasatempo ante a inacción e o incumprimento dos compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, mantiveron unha reunión, na que tamén participaron o deputado Bernardo Fernández e o edil Diego Fernández, para desbloquear a situación do parque betanceiro. Na reunión, a alcaldesa expuxo a preocupación do goberno municipal ante os continuos desprendementos e danos que está a sufrir o parque, que requiren “dunha actuación urxente” para evitar que se sigan producindo.

Perdemos meses agardando pola colaboración técnica e económica comprometida publicamente polo conselleiro Román Rodríguez para a redacción do proxecto. Hai uns días soubemos que a Xunta nin sequera ía a redactar o proxecto, como tiña comprometido. Ese desplante, e o engano ao que nos someteu durante estes meses, pensando que estaban facendo o proxecto cando non estaban facendo nada, provoca outro escenario que nos obriga a actuar de forma urxente en colaboración coa Deputación”, afirmou a alcaldesa.

Neste sentido, a alcaldesa anunciou que será o Concello de Betanzos, en colaboración coa Deputación, o que contratará de xeito inmediato a redacción dun proxecto que inclúa as actuacións “máis urxentes” de rehabilitación do parque. E, paralelamente, tamén se traballará para facer os pregos técnicos e posterior contratación do proxecto de recuperación integral no que xa non entrarían estas actuacións máis urxentes a abordar a curto prazo.

Pola súa banda, Valentín González Formoso, anunciou que paralelamente a Deputación da Coruña “solicitará de xeito inmediato á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que permita a realización de medidas conservación urxentes” no parque con cargo aos 600 000 euros que a institución provincial ten consignados no seu orzamento de 2018 ano para o Pasatempo.

O que pretendemos é evitar que o Pasatempo siga deteriorándose e sufrindo danos, a pesar de que a Deputación e o Concello teñen este ano 750 000 euros dispoñibles para actuacións no parque”, afirmou o presidente provincial.

A Deputación e o Concello de Betanzos pretenden así, por unha banda, actuar de forma urxente no Pasatempo para evitar que se sigan producindo danos que podan ser irreparables neste valioso conxunto histórico-artístico e, ao mesmo tempo, avanzar nun proxecto completo de rehabilitación do parque construído polos irmáns García Naveira entre finais do século XIX e principios do XX.

Existe un compromiso unánime do Parlamento de Galicia para declarar o Pasatempo como Ben de Interese Cultural. Tratémolo xa como tal”, afirmou a alcaldesa de Betanzos ao remate da reunión.