A exposición dos poemas participantes na campaña “Betanzos. Poesía no comercio” poderá visitarse durante todo o mes de xuño no Liceo

1009

Desde o 1 ata o 30 de xuño no primeiro andar do Liceo estarán expostas as poesías elaboradas polo alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín que se repartiron en máis de corenta establecementos adscritos á campaña “Betanzos. Poesía no comercio” durante os meses de abril e maio e coincidindo coa celebración do Día internacional do Libro e da Lectura e o Día das Letras Galegas.

O Concello de Betanzos organizou esta campaña en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do CEIP Francisco Vales Villamarín e con diversos comercios locais de cara a difundir as poesías que os máis pequenos e pequenas crearon e para espallar a importancia de diferentes datas sinaladas no calendario cultural, o Día da Poesía, o Día do Libro e o Día das Letras Galegas. Foron moitos os establecementos betanceiros que participaron e aos que o Concello de Betanzos lles agradece a súa colaboración. Agora, unha vez finalizada a campaña, as poesías dos pequenos estarán expostas durante todo o mes de xuño do edificio Liceo.