A Feira medieval repartirá 7000 xerras de barro nos postos gastronómicos coa imaxe conmemorativa do 800 aniversario

1012
Presentación da XXII Feira Franca Medieval no Concello de Betanzos

O Concello recuperará a tradición das xerras de barro nos establecementos gastronómicos da feira medieval. Serán xerras especiais que levarán o logotipo do 800 aniversario e que se repartirán con cada consumición. En total haberá 7000 xerras. Así o adiantou  a concelleira responsable da Feira Medieval, Mónica Carneiro, quen explicou que despois duns anos nos que, por petición dos hostaleiros, cambiouse o formato do vaso ou a xerra, “este ano, coincidindo co 800 aniversario, pareceunos oportuno recuperar un das xerras de barro coa imaxe conmemorativa”.

Outra dos cambios previstos afectará á representación da expulsión dos leprosos.  Este ano a escena, unha das máis tradicionais da feira, non contará cos bois que tiraban dos carros que levaban aos leprosos. Por razóns de seguridade, o Concello decidiu modificar a representación e non utilizar nin bois nin carro. Os leprosos entrarán pola Porta da Vila, escoltados ata a praza da Constitución.

A edil explicou, nesta semana previa onde continúan os actos do ciclo de María Balteira, vinculados tamén á Feira Medieval, que se ultiman as representacións que se sucederán durante o tres días para as que xa se conta cuns 140 voluntarios/as.

Tamén, durante estes días, ambiéntanse as rúas do centro histórico con teas, estandartes e bandeirolas.  En total  haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de 6 quilómetros de teas decorativas.

Canto ás rúas, os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, rúa do Castro, a praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, a praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco.

Por outra banda, o Concello recibiu este ano 380 solicitudes para instalar postos.  Delas atendéronse 98 peticións. O resto, ata completar os  133 postos que terá este ano a feira, estarán ocupados polos puntos de venda correspondentes ás asociacións de Betanzos que así o solicitaron; comerciantes do centro histórico e os postos de gastronomía da poxa pública feita polo Concello. Dos 98 postos seleccionados, 20 deles participarán por primeira vez na feira.

Medievo para os nenos/as

Por outra banda, o Concello abriu o prazo de inscrición para que os nenos de 4 a 12 anos participen tamén na feira dunha maneira especial, cun percorrido previo ao comezo da feira polas rúas do centro histórico. A actividade, “O Medievo para os nenos”, celebrarase o día 10 ás 11:00 h. Os interesados poden dirixirse á Oficina de Turismo. Serán 30 prazas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.