A Oficina de Turismo recibiu arredor dun 20% máis de consultas durante o mes de agosto con relación a 2018

882
Entrada da oficina de turismo no edificio Liceo do Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia

A Oficina de Turismo de Betanzos pechou o mes de agosto con máis de 8500 visitas ás súas instalacións, case un 20% máis con relación ao mesmo mes de 2018. Os datos reflicten a evolución positiva que está a ter o turismo na cidade “superando ano tras ano as cifras do anterior exercicio”. Do total deste mes, o 79% é turismo nacional, mentres que un 12% estranxeiro e un 8% dalgunha do catro provincias de Galicia.

O departamento de Turismo lembra que as cifras “fan mención unicamente aos turistas que se pasaron polas oficinas de información. É imposible cuantificar os miles de persoas que se pasaron este mes de agosto por Betanzos, coincidindo coas festas, co Globo, Os Caneiros ou os concertos. O que si demostran as estatísticas da Oficina é que cada ano o número de visitantes segue aumentando”.

Do turismo nacional, a comunidade de Madrid é a orixe dunha boa parte dos turistas, seguida de Andalucía, Cataluña, Valencia e País Vasco. Canto ao estranxeiro, Italia, Francia, Alemaña, e Reino Unido por esa orde, é país de orixe dos turistas que pasan pola oficina, gran parte deles, peregrinos que percorren o Camiño Inglés. En concreto, durante agosto pasaron polas oficinas máis de 1509 peregrinos dos que o 42% eran persoas estranxeiras.

Programa de visitas guiadas

A Concellería de Turismo presentou hoxe o calendario de visitas guiadas de outono que empezará con o 12 de outubro coa ruta Betanzos Monumental, centrada no centro histórico. Seguirá o 26 dese mesmo mes coa do viño, santuarios e ríos; e xa para novembro, o día 2, con outra de Betanzos Monumental; o día 9 con Modernismo; e o día 23 coa de Betanzos en feminino, que se celebra de forma excepcional en novembro coincidindo co Día Internacional da Violencia de Xénero.

As rutas concluirán en decembro coa de Betanzos Monumental, o día 6, e outra do Museo das Mariñas, o 14. Trátase de visitas guiadas gratuítas, con prazas limitadas polo que as persoas interesadas deben porse en contacto coa propia oficina no 981 77 66 66.

As visitas parten ás 11:00 horas da Oficina de Turismo.