A Policía Local denuncia a un condutor que circulaba preto da praza dos Irmáns García Naveira a 117 km/h, e case triplicaba o límite establecido

169
Oficinas da policía local de Betanzos

A Policía Local instrúe dilixencias penais contra un condutor, veciño de Sada, nacido en 1987, por un delito contra a seguridade viaria, ao conducir presuntamente un vehículo a motor superando os límites de velocidade establecidos.

O condutor foi detectado por un radar da Policía Local situado na avenida de Castela, nas inmediacións da praza dos Irmáns García Naveira, centro da cidade, cando circulaba a 117 quilómetros nunha zona limitada a 40 quilómetros/hora, co que case triplicaba a máxima permitida.

Unha vez comprobada a infracción, a Policía Local púxose en contacto co dono do vehículo que se presentou nas súas oficinas, e instruíuse o correspondente atestado no xulgado por un delito contra a seguridade viaria ao pasar en 60 quilómetros/hora a velocidade establecida, contando coa marxe de erro do cinemómetro correspondente.

Este exceso de velocidade podería levar unha pena de tres a seis a meses de cárcere, ademais de multa de tres a seis meses (pago dunha cota diaria que se adoita establecer en función do poder adquisitivo do condutor), traballos de axuda á comunidade durante un período comprendido entre 30 e 90 días e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

A Policía Local lembra que leva a cabo diversas campañas de control de velocidade a través de radar en puntos sensibles da zona urbana como rúas próximas a colexios e escola infantil; barrios con alta densidade poboacional ou, como foi o caso detectado, en avenidas ou rúas con importante  presenza peonil.