A Policía Local denuncia por condución temeraria a un veciño de Santiago despois de investigar un vídeo subido a unha canle de Youtube

50

A Policía Local denunciou a un condutor por “condución temeraria” despois de identificalo tras a publicación dun vídeo en redes sociais. A gravación, publicada nunha canle de Youtube, chegou ao departamento de comunicación do Concello e foi investigada pola Policía Local que deu co paradoiro do condutor, que o denunciou por condución temeraria, e o sancionou con 500 euros e seis puntos de perda no carné de conducir.

A gravación foi realizada polo ocupante doutro vehículo que tomaba imaxes de retención de tráfico na avenida da Coruña. Esta retención producíase como consecuencia das obras de mellora do barrio da Ribeira durante o pasado mes de maio, en concreto o 23 de maio ás 19:46 horas. Nas imaxes vese como o tráfico de entrada a Betanzos é moi lento, con paradas continuas. Despois duns minutos, obsérvase como un vehículo, de marca Mercedes, de cor gris, convertible, con dous ocupantes, adianta a toda a fileira de vehículos que se atopaban parados na avenida da Coruña cando en sentido contrario poderían circular coches. O infractor é un veciño de Santiago de Compostela.

O vídeo, titulado “Condutor temerario Concello de Betanzos” xa non está dispoñible a día de hoxe porque o usuario que o subiu á rede pechou a súa conta.

Soportes de Porta da Vila

Por outra banda, a Policía Local tamén identificou a un individuo que na madrugada do día 26 de maio arrincou as plantas dos soportes que o Concello colocou na Rúa do Castro, na súa entrada pola Porta da Vila. O autor destes feitos foi denunciado por actos de vandalismo ante a subdelegación de Goberno. Ademais de arrincar as plantas, deulle patadas ao colector de residuos situado nesa mesma zona, e esparexeu, tamén, tamén o lixo.

Por último, durante a pasada fin de semana, a Policía Local realizou controis de alcoholemia, dentro dos dispositivos especiais que está a realizar, detectou dous condutores que superaban as taxas de alcoholemia permitidas, e sancionounos cunha multa de 500 euros e a perda de catro puntos no seu carné de conducir.