A Porta do Cristo abrirase nos próximos días

1524
A Porta do Cristo abrirase nos próximos días.

A Porta do Cristo abrirase para uso peonil nos próximos días. Así o confirmaron responsables municipais despois de que os traballos avanzasen de forma considerable durante as últimas semanas logo dun parón neste punto polo achado duns restos de antigas conducións de auga. Aínda que a aparición destes restos si que atrasou o ritmo das obras, o certo é que o proxecto de mellora da rúa comezouse a executar por esta zona debido a que se prevía que puidese aparecer algo ao ser un tramo no que confluían moitos servizos de varias rúas. Mentres que Patrimonio non informou ao Concello seguíronse realizando obras noutros tramos da rúa, que xa están finalizados.

As obras na Porta do Cristo realizáronse baixo a supervisión de dous arqueólogos, un municipal e outro externo, que foron os encargados de supervisar a instalación das conducións de servizos que se colocaron nesta parte da rúa (auga, saneamento, entre outros) e indicarlles aos traballadores da empresa o lugar exacto polo que tiñan que efectuar os traballos.

Os responsables municipais indicaron que, en xeral, o proxecto de mellora da rúa da Cerca é un “proxecto complexo pola zona da que se trata, e as características da rúa: calzada estreita, onde se renovan todos os servizos, de gas, auga, saneamento… e iso dificulta os traballos e, nalgúns tramos, atrásaos”. No entanto, desde o Concello destacan a necesidade de actuar na zona, dentro do programa de renovación de rúas, para adecuala á importancia histórica que ten, repondo todo o pavimento por un similar ao que se instalou na zona dos Soportais ou Fonte de Unta durante as últimas semanas. A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico.

O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; provisión dos banzos e laxas de granito existentes en Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento de calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do executado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de laxas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6cm de espesor en travesía Lanzós coa colocación dos banzos e laxa de cantaría previamente levantados en Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición pavimento de chapacuña e laxas de granito en entroncamento coas distintas travesías. Unha vez concluídas as obras na rúa da Cerca executaranse as da travesía de Lanzós. Os traballos, financiados a través dun plan provincial, forman parte dun programa de mellora de rúas do centro histórico e únense aos de Ferradores e Fonte de Unta, que en conxunto alcanzan os 450 000 euros de investimento.