A XXI Feira Medieval contará este ano con 131 postos tras recibir algo máis de 360 peticións

453
Feira Franca Medieval 7 xullo-2017

A XXI edición da Feira Franca Medieval quenta motores. O Concello ultima os preparativos desta nova edición que terá lugar a segunda fin de semana do próximo mes de xullo, é dicir, os días 6, 7 e 8. A comisión técnica valorou durante os últimos días as solicitudes presentadas por profesionais, algo máis de 360, para instalar postos durante o tres días de feira no centro histórico. Delas atendéronse 98 peticións. O resto, ata completar os 131 postos que terá este ano a feira, estarán ocupados polos 33 puntos de venda correspondentes ás asociacións de Betanzos que así o solicitaron; comerciantes do centro histórico e os postos de gastronomía da poxa pública feita polo Concello. Dos 98 postos seleccionados, dez deles participarán por primeira vez na feira.

Na valoración de autorizacións o Concello tivo en conta a traxectoria de cada profesional así como o cumprimento, en caso de participar en edicións anteriores, do regulamento da feira. Como xa ocorreu en anos anteriores, o Concello descartou outorgar máis permisos para manter a singularidade da feira e por cuestións de seguridade, deixando libre a rúa Travesa e a continuación da rúa Nova.

O importante número de solicitudes segue reflectindo o grao de consolidación desta cita que converte a Betanzos nun dos puntos máis visitados de Galicia durante o mes de xullo. Canto ás rúas, os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco, segundo indicou o alcalde, Ramón García Vázquez, despois de manter unha reunión de traballo con técnicos da organización da feira.

A finais de mes comezarán os traballos de ambientación das distintas rúas do centro histórico a través de teas, estandartes e bandeirolas. Para a edición deste ano renovaranse escudos e teas que quedaron pendentes do ano pasado. En total haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de 6 quilómetros de teas decorativas.

Mentres, tamén se irán organizando as distintas actividades complementarias á feira entre as que tamén destacan as escenas representadas pola veciñanza do municipio. Neste sentido, a partir da próxima semana abrirase o prazo de inscrición para que aquelas persoas que queiran participar activamente na feira como voluntarios poidan facelo en diferentes representacións, máis concretamente para o Tributo dos Cen Doncelas, a entrada na cidade do Señor de Andrade, Revolta Irmandiña, Carreira de bocois ou a expulsión dos leprosos. Para todas elas búscanse “actores ou figurantes”. En total preténdense cubrir 150 prazas, as necesarias para desenvolver as escenas.

As persoas interesadas en tomar parte activa nestas representacións e “vivir a feira medieval desde outra perspectiva”, segundo indicaron fontes municipais, poderanse dirixir ao propio Concello, á área de Cultura situada na Casa Consistorial, na praza da Constitución, para inscribirse. Uns días antes da celebración da feira realizaranse os ensaios. Poderán participar maiores de catorce anos.