A XXII Feira Franca de Betanzos contará este ano con 131 postos tras recibir algo máis de 380 peticións

1001
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e a concelleira responsable da Feira Franca, Mónica Carneiro, co cartEL da edición do 2019 deseñado por Luis Galán

O Concello de Betanzos ultima os preparativos da XXII Feira Franca Medieval, que terá lugar a segunda fin de semana do vindeiro mes de xullo, durante os días 12, 13 e 14. A comisión técnica valorou durante os últimos días as solicitudes presentadas por profesionais, algo máis de 380, para instalar postos durante os tres días de feira no casco histórico. Delas, atendéronse 98 peticións. O resto ata completar os 133 postos que terá este ano a feira, estarán ocupados polos puntos de venta correspondentes ás asociacións de Betanzos que así o solicitaron; comerciantes do casco histórico e os postos de gastronomía da subasta pública feita polo Concello. Dos 98 postos seleccionados, 20 deles participarán por vez primeira neste evento.

Na valoracións das autorizacións, o Concello tivo en conta a traxectoria profesional, así como o cumplimento -no caso de participar en edicións anteriores- do regulamento da feira. Como xa ocorreu en anos anteriores, o Concello descartou otorgar máis permisos para manter a singulariedade da feira e por cuestións de seguridade, deixando libre a rúa Travesa e a continuación da rúa Nova.

O importante número de solicitudes segue reflictindo o grao de consolidación desta cita que convirte a Betanzos nun dos puntos máis visitados de Galicia durante o mes de xullo. En canto ás rúas, os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a Porta da Vila, rúa do Castro, praza da Constitución; Santiago, Roldán; Pescadería, praza Fernández Pérez de Andrade, Santa María e San Francisco, segundo indicou a alcaldesa, María Barral Varela, despois de manter unha reunión de traballo con técnicos da organización da feira.

A finais de mes comezarán os traballos de ambientación das distintas rúas do casco histórico a través de teas -que se estenderán ao longo de 6 quilómetros-, estandartes e banderolas, en total máis de 300.

Cartel da Feira.

A alcaldesa, xunto coa concelleira responsableda Feira Medieval, Mónica Carneiro, presentou o cartaz da Feira, do deseñador Luis Galán, que recolle na súa ilustración varios símbolos da Feira Franca Medieval e, de xeito especial, ‘guiños’ ao  800 aniversario da celebración do traslado da cidade desde Tiobre ao casco histórico. Así, en primeira plana, obsérvase ao rei Afonso IX asinando o “privilexio” do traslado, destacando de fondo, as igrexas do casco histórico como Santa María de Azougue, San Francisco e Santiago, e a de San Martiño de Tiobre. Ademais, aparecen as galerías e os balcóns tradicionais de Betanzos, xunto á torre do Reloxo do Pazo de Bendaña.

Mentres, tamén se irán organizando as distintas actividades complementarias á feira, entre as que tamén destacan as esceas representadas pola veciñanza. Neste sentido, xa está aberto o prazo de inscrición para que aquelas persoas que queiran participar activamente na feira como voluntarios, e poden facelo en diferentes representacións. En total, preténdense cubrir 150 prazas, as necesarias para desenvolver as escenificacións.

Os interesados en tomar parte activa nas representacións, e “vivir a feira medieval desde outra perspectiva”, segundo indicaron as fontes municipais, poderanse dirixir ao propio Concello, á área de Cultura, situada no consistorio, na praza da Constitución, para anotarse. Uns días antes do festexo, realizaranse os ensaios. Poderán participar as persoas maiores de 14 anos.