“Achegándonos á palabra” chega aos centros de secundaria betanceiros

948

O Concello de Betanzos organiza cinco obradoiros sobre a escrita literaria no mes de abril e dentro da programación do Día Internacional do Libro e da Lectura para animar ao alumnado de secundaria dos centros de ensino betanceiros a participar no IX Concurso de creación literaria cuxo prazo está aberto desde o pasado 1 de abril e ata o vindeiro 10 de maio. Estes obradoiros están organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos en colaboración cos equipos de dinamización lingüística do IES Francisco Aguiar, IES As Mariñas e CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”.

Os obradoiros “Achegándonos á palabra” pretenden traballar a conversa, a poesía, a lectura, as palabras, o ritmo e o son, así como ensinar a escribir, avaliar e escoitar o texto a máis de cen mozos e mozas de 3.º e 4.º de ESO do IES Francisco Aguiar, IES As Mariñas e CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. Os obradoiros terá lugar o 23, 29 e 30 de abril de 2019 nos centros de ensino de Betanzos.

O IX Concurso de creación literaria conta con varias categorías para o alumnado dos centros de ensino, unha delas para o alumnado de ESO, e outra de Bacharelato. En cada unha delas outorgarase un primeiro premio e un accésit. O prazo para a entrega das poesías e dos relatos está aberto ata o venres 10 de maio de 2019.