Betanzos investiga a autoría das pintadas no Pasatempo e solicita autorización a Patrimonio para limpalas

1209
Vandalismo no Pasatempo

O Concello trasladará a Patrimonio un informe sobre as pintadas realizadas no león do Pasatempo e nun muro próximo a este durante a noite do pasado sábado ao domingo. Xunto ao informe, o Concello solicitaralle á Xunta a súa autorización para que os servizos técnicos municipais poidan efectuar “a limpeza destas pintadas”, tendo en conta que o parque se atopa nestes momentos na tramitación como Ben de Interese Cultural e, por tanto, é Patrimonio o que debe aprobar esta actuación”.

A alcaldesa, María Barral, explicou que tan pronto como Patrimonio autorice os traballos o Concello iniciará a limpeza das pintadas. Neste sentido, indicou que a Policía Local investiga a autoría destas. A intención do Concello é que axiña que se dea coa autoría das persoas responsables e se inicien as accións legais para, do mesmo xeito que ocorreu con outras pintadas sobre equipamento urbano ou, mesmo, patrimonio como o palco da música, reclamar pola vía patrimonial e presentar a correspondente denuncia por danos producidos.

María Barral lamentou este tipo de acto “de xeito evidente fóra de lugar, incívico, e que causa un dano importante ao patrimonio de todos os betanceiros e betanceiras”. Lembrou que non é a primeira vez que se produce este tipo de accións e que nos últimos anos o Concello tivo que presentar denuncias por pintadas en edificios históricos como a fachada do Liceo, ademais do palco da música. Tamén apareceron pintadas, nos últimos días, sobre diverso mobiliario urbano e algún vehículo, cuxo autor foi “identificado e denunciado”.

As pintadas do León non gardan relación con estas últimas identificacións mais desde a Policía Local aseguran que polos datos que se manexan, algunhas das características “podería localizarse pronto ao autor ou autores destas”.