Arqueólogos dirixen os traballos na Porta do Cristo despois de recibir a autorización de Patrimonio para instalar novas conducións

128
Rúa da Cerca en obras

Patrimonio deulle autorización ao Concello para continuar as obras de mellora da rúa da Cerca no tramo da Porta do Cristo, en que apareceran restos dunha antiga condución de auga. Os traballos neste tramo da rúa continúan desde esta semana baixo a supervisión de dous arqueólogos, un municipal e outro externo, que son os encargados de supervisar a instalación das conducións de servizos que se colocarán nesta parte da rúa (auga e saneamento, entre outros) e de indicar ao persoal da empresa o lugar exacto polo que ten que efectuar os traballos.

Os restos da antiga condución de auga non supuxeron un atraso no proxecto de realización das obras, posto que os traballos se efectuaron durante as últimas semanas noutros tramos da rúa da Cerca.

O persoal responsable municipal indicou que, en xeral, o proxecto de mellora da rúa da Cerca é un “proxecto complexo pola rúa da zona da que se trata e as características desta: calzada estreita onde se renovarán todos os servizos, de gas, auga, saneamento…, e iso dificultará os traballos e atrasaraos nalgúns tramos”. No entanto, desde o Concello, destacan a necesidade de actuar na zona, dentro do programa de renovación de rúas, para adecuala á importancia histórica que ten e repor todo o pavimento por un similar ao que se instalou na zona dos Soportais ou Fonte de Unta durante as últimas semanas.

A rúa da Cerca é unha das rúas máis importantes do centro histórico. O proxecto contempla a execución dunha serie de infraestruturas destinadas a mellorar a rede de saneamento e abastecemento, así como a pavimentación co derrubamento do pavimento de formigón e chapacuña existente en calzada e beirarrúas; a provisión dos banzos e lousas de granito existentes na Porta do Cristo e das pedras de granito que forman parte do actual pavimento da calzada nos entroncamentos coas distintas travesías.

O proxecto, que segue a liña do realizado na rúa Nova, prevé a colocación dun novo pavimento de lousas de granito de 10 cm de espesor na rúa da Cerca e de 6 cm de espesor na travesía de Lanzós coa colocación dos banzos e lousa de cantaría previamente levantadas na Porta do Cristo e Ponte Vella; e a reposición do pavimento de chapacuña e das lousas de granito en entroncamento coas distintas travesías.

Unha vez concluídas as obras na rúa da Cerca, levaranse a cabo as da travesía de Lanzós.

Os traballos, financiados a través dun plan provincial, forman parte dun programa de mellora de rúas do centro histórico e únense aos de Ferradores e Fonte de Unta, que en conxunto alcanzan os 450000 euros de investimento.