As obras do patio cuberto do colexio de Infantil estará terminado para finais de mes

593

As obras do patio cuberto do colexio de Infantil non concluirán ata finais deste mes dados algúns atrasos que se produciron en subministración de xogos infantís e en concluír os traballos de cuberta do recinto. O atraso só será duns días sobre a data prevista inicialmente e por iso o Concello mantivo un contacto continuo coa dirección do centro educativo para establecer as condicións de acceso ao colexio durante os primeiros días de clase prevalecendo, sempre, a seguridade do alumnado.

A alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Educación, Andrés Hermida e o director do centro, visitaron as obras e ultimaron o protocolo de acceso ao colexio durante estes primeiros días así como as zonas exteriores que se manterán delimitadas ata que non se complete a instalación das áreas de xogos. A alcaldesa lamentou “que os traballos non estean finalizados antes do inicio das clases, a pesar de que a empresa adxudicataria, segundo nos consta fixo todo o posible para que así fose. Problemas de subministración, no mes de agosto, fan que non poidan estar finalizadas ao 100%”.

Para facer fronte ás obras, o Concello reservou 170 000 euros. Trátase dun proxecto demandado pola Comunidade Escolar e o Concello e que agora será realidade pola colaboración entre o Concello, a Consellería de Educación, e a propia comunidade educativa (ANPA e dirección do colexio).

O proxecto, que conta cun orzamento de 160 729 euros, recolle a ampliación do edificio cunha zona cuberta de máis do dobre que a actual, que funcione como soportal e patio cuberto para o alumnado ata alcanzar os 370 metros cadrados, nun adecuado, estudado cos técnicos da Consellería, para minimizar o impacto no centro e posibilitar posibles ampliacións futuras. Realizarase tamén unha zona de xogos infantís con pavimento de caucho na que se colocarán, entre outros, balancíns e casiñas.

Outras obras

Ademais da construción do patio cuberto, no colexio Vales Villamarín e no aulario fíxose a instalación de equipos de son, a rehabilitación dunha aula para usos múltiples, a limpeza da fachada do primeiro ciclo de Primaria, así como a renovación de equipamento deportivo e limpeza xeral de espazos.