As obras na Ribeira evitan as inundacións nos días de mareas de vivas

957

A alcaldesa, María Barral Varela, supervisou durante esta pasada madrugada xunto ao persoal técnico de Fomento o funcionamento de sistema instalado para evitar inundacións na estrada e nos baixos dos edificios anexos.

Os traballos técnicos desenvolvidos durante as última semanas por Fomento na zona da Ribeira para evitar as inundacións na N651 e nos baixos dalgúns edificios dá resultado. A alcaldesa, María Barral, comprobou xunto co persoal técnico de Fomento durante esta pasada madrugada que o sistema instalado “é plenamente satisfactorio para evitar as inundacións que desde hai anos afectaban a esta zona”. A primeira edil desprazouse a Ribeira sobre as cinco da madrugada, hora na que estaba prevista a marea máis alta con 4,40 metros, xunto ao persoal técnico de Fomento para comprobar se “con este nivel e as mareas vivas os resultados eran satisfactorios. Era unha proba de lume para que testar o proxecto. Aínda que os resultados das últimas semanas xa eran satisfactorios, o certo é que non se esperaban estas mareas vivas para comprobar distintos aspectos”.

Así, unha vez que o sistema funcionou correctamente, o seguinte paso será finalizar os traballos de urbanización. As previsións de Fomento son que as obras tanto de beirarrúas como de aglomerado da estrada conclúan durate a primeira quincena de abril.

A alcaldesa agradeceulle aos responsables de Fomento a súa implicación e interese por tratar liquidar un problema que desde hai anos padecían, de forma directa, os veciños e veciñas da Ribeira, así como os condutores da N-651 polos continuos cortes de tráfico.

A actuación é executada a través dun procedemento administrativo de carácter urxente. Entre as obras que se executaron contemplouse un novo colector para a recollida de augas pluviais ao longo do Malecón, nun tramo de máis de medio quilómetro de lonxitude; e a instalación de válvulas para evitar a entrada da auga do río cando subise a marea.

Os traballos contemplaron varias actuacións. A primeira consistiu no peche do muro do Malecón. A segunda centrouse na rede de drenaxe e levou aparellada diversos traballos. Para evitar a entrada de auga de mar a través da rede e conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo durante os períodos de mareas altas foi preciso construír unha rede de drenaxe complementaria ao existente que esta formado por diversos elementos:

Colector existente. Colocáronse válvulas-clapetas anti retorno nos desaugadoiros do colector existentes ao río para evitar a entrada de auga nos períodos de mareas altas ou crecidas do río Mandeo.

Renovouse a rede de recollida de pluviais da marxe exterior do Malecón, que recolle basicamente as augas do aparcadoiro en liña existente, construíndo un caz de formigón con novos sumidoiros que terán saída ao río mediante colector que ten, á súa vez, unha clapeta (válvula) que evita a entrada da auga do Mandeo en época de mareas altas ou crecidas.

Rede de sumidoiros e marxe interior. Renovouse a rede de sumidoiros da marxe interior da calzada e que eran ineficaces. Colocáronse válvulas antiretorno.

Colector pozo de bombeo. Construíuse un novo colector paralelo ao existente que se encarga de conducir as augas de choiva ao pozo de bombeo que funciona de forma telemática e cun xerador de apoio en épocas de niveis elevados no río Mandeo cando as cotas do río impidan o desaugadoiro dos colectores de augas pluviais. Este colector ten unha lonxitude de 582 metros e de 600 mm.