As poetas galegas María Lado e Lucía Aldao chegan este luns aos centros de secundaria de Betanzos co espectáculo “Ninguén é poeta”

91

O Concello de Betanzos achega esta proposta de dinamización sociolingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES As Mariñas e o IES Francisco Aguiar aos centros de ensino de secundaria. Varias sesións do espectáculo “Ninguén é poeta” terán lugar nos centros de ensino de secundaria betanceiros para 250 alumnos e alumnas de 3.º e 4.º da ESO, así como de 1.º de Bacharelato e Formación Profesional o luns 18 de marzo.

Baixo o título “Ninguén é poeta”, Aldaolado presentan un espectáculo no que reflexionan sobre as virtudes e desencantos da vida de poeta. Servíndose da unión dos seus propios textos, a música en directo e moita retranca, conseguen un recital atractivo, próximo e divertido apto para todo tipo de público. A súa espontaneidade e complicidade en directo é a clave deste espectáculo de poesía escénica e narración oral. A actividade encádrase no programa anual de propostas que o Concello achega a todos os centros de ensino da localidade coa finalidade de dinamizar a lingua galega para o público de diferentes idades.

Este xa é o quinto ano consecutivo que o Concello leva a cabo diversas actividades dirixidas ao alumnado de primaria e secundaria dos centros de ensino da localidade con motivo do Día mundial da Poesía, coa finalidade de potenciar a sensibilidade e a imaxinación a través da poesía, ademais de promover e prestixiar o uso da lingua galega como ferramenta de creación literaria e artística.15