Betanzos, Abegondo, Carral, Coirós e Paderne solicitan un novo programa de formación centrado na dependencia

1407
Obradoiro de emprego clausurado hai uns días en que se lle deron formación a 20 persoas en dúas especialidades

Betanzos acaba de solicitar, xunto cos concellos de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne, un novo programa formativo con dous obradoiros para o período 2018-2019. Trátase dun primeiro obradoiro de 9 meses de duración, “A dependencia: alternativa de emprego”, e dun segundo de 6 meses de Garantía Xuvenil, “Emprendemento”.

O primeiro edil destacou que os resultados obtidos neste campo durante os últimos anos e as experiencias conxuntas dos concellos fixeron que se planificara este novo proxecto formativo, que estará dirixido á xuventude desempregada, en especialidades que, desde os concellos, se considera que “teñen nestes momentos unha importante demanda ou oportunidades de colocación”. Destacou tamén a importancia do proxecto “non só desde o punto de vista de inserción laboral, senón tamén como exemplo de colaboración institucional, de entendemento entre administracións”.

Durante o tempo de duración do obradoiro, no caso de concederse, impartiranse clases teóricas e prácticas, a maiores de formación en orientación laboral, empresarial, prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental e igualdade de xénero.

Precisamente, lembrou o obradoiro de emprego clausurado hai uns días en que se lle deron formación a 20 persoas en dúas especialidades: promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e atención sociosanitaria a persoas en institucións sociais. Indicou que este obradoiro conta actualmente cunha inserción de máis do 30% das persoas participantes cando finalizou hai apenas uns días.

Agárdase que se chegue, como mínimo, ao obradoiro que tivo lugar anteriormente en que se superou o 60% de inserción laboral.