O Concello decidiu suspender o procedemento de licitación do servizo de axuda no fogar tras a presentación dun recurso especial de contratación presentado en tempo e forma pola Asociación estatal de entidades de servizos de atención a domicilio (Asade). O Concello entende que por maior seguridade xurídica e tras unha análise inicial da documentación que presentaron suspenderá o procedemento xa conta que non se abriron as ofertas das empresas licitadoras e que esta circunstancia fai non se xere prexuízos para estas.

A suspensión do procedemento non suporá un trastorno nos prazos previstos polo Concello para a adxudicación do novo servizo xa que a previsión era de tres meses. No caso de que os servizos xurídicos estimen a alegación presentada pola Asede aprobarase un novo prego de condicións nun inmediato pleno para a continuación, logo da exposición pública, licitar o servizo. Todos estes trámites non deberían influír no prazo de adxudicación do servizo que comezaría en xaneiro de 2020.

O recurso presentado por Asade céntrase nun apartado dos criterios de valoración e máis concretamente no relativo a “subcriterios” de servizos anuais de estimulación cognitiva e de “atencións de carácter complementario”, que segundo indican “non fican convenientemente delimitados”.

O goberno local explicou que o servizo, coa nova empresa contratada mentres non se adxudica o novo servizo, discorre no que vai de mes con normalidade despois dos problemas que se xeraron coa anterior adxudicataria, á que se lle abrirá un expediente administrativo por falta nas súas obrigas de continuidade do servizo e as consecuencias xeradas pola súa decisión de abandonar o servizo.

Unha vez aprobado o prego de condicións iniciarase a contratación urxente do servizo acurtando ao máximo que permita a Lei os prazos.

A contratación dunha nova empresa foi motivada pola decisión da anterior de abandonar a prestación do servizo desde o 1 de outubro en contra do criterio dos servizos xurídicos municipais. A secretaría municipal sostiña que a empresa tiña obriga (existe xurisprudencia nese sentido) de mantelo nas mesmas condicións por un prazo de tres meses desde a finalización do contrato ata o 1 de xaneiro de 2020 ou a data na que entrase en vigor o novo contrato que se está a licitar.