Betanzos celebra o día das diversidades sexuais con varias actividades ao longo do mes de xuño

333

O programa de actividades comezou coa proxección de Nove de Novembro a primeira longametraxe de temática LGTB rodada en galego. O filme está dirixido por Lázaro Louzao e conta co actor betanceiro Brais Yanek de protagonista. A proxección tivo lugar o sábado 9 de xuño no Cine Alfonsetti.

Ademais do 26 de xuño ao 12 de xullo o edificio Liceo acollerá a exposición “Sorrisos transformadores”. Trátase dun conxunto de fotografías de Noemí Chantada co obxectivo da visibilización, sensibilización e naturalización do colectivo trans. Esta iniciativa trata de prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e as identidades de xénero. Organiza o Concello de Betanzos xunto coa Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS).

A exposición fotográfica poderá visitarse no edificio Liceo do 26 de xuño ao 12 de xullo de 10:00 a 13:00 h e de 18:00 a 20:30 h os días laborables, e de 11:00 a 14:00 h os sábados.

Doutra banda e co obxectivo de apoiar e visibilizar a comunidade LGTBQl no edificio do Liceo de Betanzos ondeará a bandeira do arco da vella durante a semana do 28 de xuño, Día das Diversidades Sexuais.

Co mesmo fin, o Concello de Betanzos está adherido a campaña da deputación da Coruña, xunto con 31 Concellos da provincia, que se concretará na distribución de varios carteis polo municipio baixo o lema “Construíndo diversidade”

O Día das Diversidades Sexuais pretende instar á tolerancia e á igualdade da comunidade de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queer e intersexuais.