Betanzos celebrará unha edición especial do certame de Balconadas vinculada ao 800 aniversario do traslado da cidade

1048

Betanzos prepara unha edición especial de Balconadas dentro dos actos do 800 aniversario do traslado da cidade desde San Martiño de Tiobre ao centro histórico. Así, o certame, de carácter bienal, celebrarase este ano, aínda que non correspondía, para converter de novo durante o verán as rúas do centro histórico nun museo ao aire libre. A diferenza da cita tradicional, a convocatoria deste ano, segundo adiantou esta mañá a alcaldesa, María Barral, terá como temática Betanzos e a súa historia en lugar de ser tema libre.

Aínda que se mantén a liberdade á hora de escoller a técnica coa que se executará a obra, o que varían son as medidas, que serán algo máis pequenas que o habitual deixándoas na mínima de 120×160 cm e máximas de 150×200 cm, podendo ser en horizontal ou vertical.

Terán un soporte flexible (lenzo, tea de saco, loneta, plástico, etc.) sen partes ríxidas que poidan cuartearse ou desprenderse coa acción do vento e utilizando produtos inalterables á acción da auga. Cada artista poderá presentar unha soa obra, sen enmarcar, sen bastidores, barras, etc., levando ao dorso o nome e apelidos do autor, dirección, título da obra e ano de realización.

As bases da convocatoria será publicadas nos boletíns oficiais e na páxina web municipal www.betanzos.gal. O prazo de admisión de orixinais será do 1 ao 30 de xuño, segundo adiantou a propia alcaldesa durante a presentación mentres que as obras estarán expostas do 24 de xullo ao 28 de agosto nos balcóns das rúas de Betanzos, xusto unha semana despois da Feira Medieval e durante as festas de agosto. A entrega de premios será o 13 de agosto.

Estableceranse tamén dous premios, un primeiro de 5000 euros e dous accésits, cada un deles, de 1500 euros. A maiores, o xurado poderá outorgar até tres mencións de honra se o estima oportuno, as cales non levarán asociado ningún premio económico, mais si un diploma acreditativo. O xurado, composto por distintas personalidades do mundo da arte, valorará a adecuación da obra á súa contorna expositiva pola súa técnica, temática e orixinalidade. O xurado non poderá declarar deserto o certame.

Coas obras premiadas e seleccionadas realizarase un catálogo. Así os autores das obras autorizan ao Concello de Betanzos, cedéndolle os dereitos correspondentes para poder dispor da reprodución fotográfica destas, coa finalidade de que as poida incorporar ao citado catálogo, á páxina web municipal aos efectos da súa transmisión vía Internet, e a calquera outro soporte.