Betanzos comezou un ciclo de conferencias do Anuario Brigantino vinculado ao 800 aniversario de Betanzos

1262

Betanzos continúa a celebración do programa de actividades vinculadas ao 800 aniversario do traslado da cidade desde San Martiño de Tiobre ao castro de Untia cunhas xornadas e conferencias especiais do Anuario Brigantino que foron presentadas pola alcaldesa, María Barral, e o concelleiro de Cultura, Andrés Hermida, xunto co director das xornadas, Alfredo Erias. Trátase dun ciclo de conferencias que terán lugar todos os xoves deste mes de marzo, ás 20:00 horas no salón azul do edificio Liceo e o 4 e 25 de abril.

O ciclo xa comenzou o día 7, coa conferencia sobre “Diego Gelmírez y la frontera del Miño” por conta de Ermelindo Portela Silva.

A seguinte conferencia centrarase nas tres igrexas góticas e a súa iconografía por conta de Alfredo Erias o 14 de marzo, previa a outra que terá como protagonista o centro histórico: pasado, presente e futuro por conta de Andrés García Carneiro. O ciclo continuará con outra conferencia de Concepción Delgado Curral sobre “A tradición literaria de Betanzos” para concluír o 4 de abril coa de Francisco Javier Ramírez González sobre a “sucesión contractual no dereito civil de Galicia: especial referencia aos pactos sucesorios de mellora e apartación”.

Alfredo Erias porá o broche de ouro ao ciclo coa presentación, o día 25 de abril, da web do Museo das Mariñas, un novo portal municipal centrado neste museo etnográfico, na que se reflectirá o seu carácter multidisciplinar, artístico, histórico e antropolóxico, para darlle visibilidade aos diferentes elementos e obxectos que van desde restos romanos e esculturas medievais até os pertencentes á propia historia de Betanzos. Nas súas diferentes salas recolle, por exemplo, unha ampla colección de pintura, incluíndo un apostolado completo da escola de Rubens, ou unha colección de traxes tradicionais, moitos deles procedentes do Ballet Rei de Viana.

O Museo alberga diversos elementos de carácter etnográfico que reflicten a evolución dos usos e costumes dun pobo. As vellas escolas, os antigos oficios, o mundo tradicional do viño e do tecido aparecen representados de forma profusa. Completan a ampla mostra unha serie de fotografías e maquetas de diferentes épocas da cidade, así como as diversas bandeiras, escudos e moedas que mostran a evolución dunha vila.