Betanzos contará a principios de febreiro cunha área de servizo de autocaravanas na zona do parque Pablo Iglesias

241
A alcaldesa, María Barral, acompañada polo concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez, visitaron as obras

O Concello de Betanzos inaugurará a principios do próximo mes de febreiro a súa primeira área de servizo de autocaravanas. A alcaldesa, María Barral, acompañada polo concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez, visitaron as obras que estarán finalizadas nuns días. A primeira edil explicou que o proxecto se executou seguindo “unha política de mellora das infraestruturas públicas e vendo que o fenómeno do autocaravanismo en España, ou turismo itinerante, experimentou un crecemento moi importante nos últimos anos”. O aparcadoiro está localizado nunha parcela situada no Paseo Ramón Beade, xunto ao parque público Pablo Iglesias, e escolleuse polas súas características de localización, accesibilidade, superficie e topografía.

No proxecto tivéronse en conta necesidades expostas desde a Asociación Galega de Autocaravanas, cuxos representantes estarán tamén presentes na inauguración do próximo día 9. A zona conta cunha superficie de 4998 m², dos cales 1226,50 m² destinaranse á área de servizo para autocaravanas. Contará cunha zona de estacionamento-pasa a noite das autocaravanas por un tempo limitado con capacidade para 12 vehículos, unha zona de espera xunto á plataforma e unha zona específica de localización de servizos ou plataforma (auga, saneamento).

A utilización desta área de estacionamento de autocaravanas estará limitada a unha estadía temporal e non poderá, de ningún modo, establecerse como zona de acampada ou cámping, debendo considerarse como zona de paso ou parada técnica que permita visitar Betanzos, o seu contorno e lugares de interese, así como recargar o depósito de auga da autocaravana, baleirar os depósitos de augas e depositar outros residuos de maneira controlada en instalacións preparadas para tal finalidade.

Levaranse a cabo as obras necesarias para a iluminación da área, a cal se realizará mediante 6 luminarias de led sobre columnas de 12 m de altura. O prazo de execución das obras é dun mes e medio. Os traballos tiveron un orzamento de licitación de 74.281,98 euros.