Betanzos contará cunha área de servizo de autocaravanas na zona do parque Pablo Iglesias

110
Paseo Ramón Beade

O Concello de Betanzos, seguindo unha política de mellora das infraestruturas públicas e vendo que o fenómeno do autocaravanismo en España, ou turismo itinerante, experimentou un crecemento moi importante nos últimos anos, decidiu crear unha área de servizo e aparcadoiro para autocaravanas nunha parcela situada no Paseo Ramón Beade, xunto ao parque público Pablo Iglesias, que se escolleu polas súas características de localización, accesibilidade, superficie e topografía. Será a primeira da comarca.

O proxecto, que acaba de ser adxudicado, está incluído nun convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o propio Concello para a realización de determinadas actuacións e mellora das infraestruturas turísticas de Betanzos.

Trátase dunha parcela de titularidade municipal de 4998 m2, dos cales 1226,50 m2 destinaranse á área de servizo para autocaravanas. Contará cunha zona de estacionamento-pasa a noite das autocaravanas por un tempo limitado con capacidade para 12 vehículos, unha zona de agarda xunto á plataforma e unha zona específica de localización de servizos ou plataforma (auga, saneamento).

A utilización desta área de estacionamento de autocaravanas estará limitada a unha estadía temporal e non poderá, de ningún modo, establecerse como zona de acampada ou cámping, deberá considerarse como zona de paso ou parada técnica que permita visitar Betanzos, o seu contorno e lugares de interese, así como recargar o depósito de auga da autocaravana, baleirar os depósitos de augas e depositar outros residuos de maneira controlada en instalacións preparadas para tal finalidade.

Levarán a cabo as obras necesarias para a iluminación da área, que se realizará mediante 6 luminarias de led sobre columnas de 12 m de altura. O prazo de execución das obras é dun mes e medio. Os traballos teñen un orzamento de licitación de 74.281,98 euros.

XANROZO

Por outra banda, adxudicouse o contrato de mellora de acondicionamento do lavadoiro e fonte de Roque, en Xanrozo, que incluirá, en xeral, actuacións de limpeza e mellora ademais de instalación. En total investiranse arredor de 17 000 euros.

O concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez Lorenzo, explicou que os traballos prevén unha actuación de recuperación integral deste lavadoiro, coa rehabilitación dun muro de pedra, a instalación de pavimento coa colocación de laxas de granito, unha nova cuberta con tella do país e columnas de pedra, ademais do acondicionamento dunha pequena zona verde.