Betanzos contratará por concurso público as orquestras das festas de agosto destinando 63.000 euros para cinco grupos

1685
Lanzamiento do Globo na praza García Irmáns
O Concello convocou un concurso público para a contratación das orquestras que participarán no programa de festas de agosto. A través desta convocatoria o Concello contratará cinco orquestras para os días 15, 16, 18, 21 e 25 agosto, destinando para iso un orzamento de algo máis de 63.000 euros, IVE incluído.
O Concello volve decantarse por este procedemento para contratar as orquestras das festas de agosto. O obxectivo é “adecuar a situación ao sistema administrativo, como un servizo máis, e tentar, ao mesmo tempo, abaratar custos e abrir o abanico a empresas ou axentes para que poidan presentar as súas ofertas”.
As características das festas, a súa declaración de interese turístico Nacional, fan que as de San Roque sexan unhas das máis atractivas da comunidade autónoma e, por tanto, unha das que poden espertar maior interese para participar nelas. A maiores destes cinco días contratados directamente polo Concello, o programa incluirá outra serie de actuacións en convenio con outras entidades ou administracións.
O concurso sae a licitación por un importe que o Concello considera “axustado á situación económica xeral”. Despois de que o Concello sacase por primeira vez a concurso a contratación das orquestras para as festas, foron varios os que se interesaron por coñecer os pregos e seguir leste mesmo procedemento tendo en conta que a de Betanzos é unha das poucas administracións que se decantou por este procedemento.
O concurso inclúe a contratación da orquestra Os Satélites, o día 15; orquestra Dilema, o día 16; A Favorita, o día 18; Panorama, o 21 de agosto e a orquestra Ibiza o día 25. A mencionada contratación inclúe todos os medios técnicos, materiais e humanos necesarios para a realización das actuación que terán lugar na Praza dos Irmáns García Naveira.  Cada orquestra deberá facerse cargo da montaxe do escenario e os equipos necesarios para realizar a actuación no horario establecido polo Concello. Fíxase como hora de inicio de cada verbena o día 15 ás 23:00 horas; o 16 de agosto as 22:30 horas; o 21 de agosto as 22:30 horas e os días 18 e 25 de agosto ás 23:30 horas.