Betanzos convoca unha edición especial de Balconadas con motivo do 800 aniversario do traslado da cidade  

1255

Para esta edición especial establecerase un primeiro premio dotado con 5000 euros e dous accésits dotados cada un deles con 1500 euros.

O Concello presentou hoxe a edición especial de Balconadas, dentro da programación de actos con motivo do 800 aniversario do traslado da cidade desde Tiobre ao centro histórico. Trátase dunha convocatoria especial que transformará as rúas do centro histórico nun auténtico museo ao aire libre entre o 24 de xullo e o 28 de agosto. A alcaldesa, María Barral, explicou que a diferenza dos certames tradicionais de Balconadas, neste caso a temática que se presente na obra será restrinxida a Betanzos e a súa historia. Cada artista poderá presentar unha soa obra,  con técnica libre, vertical ou horizontal, cunhas medidas mínimas de 120×160 cm e máximas de 150×200 cm.

Rúa do Castro coas balconadas na edición do ano 2018

Terán un soporte flexible (lenzo, tea de saco, loneta, plástico, etc.) sen partes ríxidas que poidan cuartearse ou desprenderse coa acción do vento e utilizando produtos inalterables á acción da auga. O prazo de recepción de orixinais será do 1 ao 30 de xuño de 2019, en horario de 10:00 h a 13:00 h e de 18:00 h a 20:00 h. os días laborables e os sábados de 11:30 h a 14:00 h. O envío realizarase a portes pagados ao seguinte enderezo: Edición especial Balconadas 800 aniversario. Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia, Praza de Galicia s/n. 15300 Betanzos, A Coruña, España.

Para esta edición especial establecerase un primeiro premio dotado con 5000 euros e dous accésits dotados cada un deles con 1500 euros. O Concello de Betanzos poderá publicar ou expor estes traballos premiados que quedarán na súa propiedade.

O xurado terá o poder de outorgar ata tres mencións de honra se o estima oportuno, as cales non levarán asociado ningún premio económico, mais si un diploma acreditativo. O xurado valorará a adecuación da obra á súa contorna expositiva pola súa técnica, temática e orixinalidade. Estará composto por distintas personalidades do mundo da arte. A súa composición farase pública con anterioridade á súa reunión, no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello (www.betanzos.net).

Coas obras premiadas e seleccionadas realizarase un catálogo. A entrega de premios será o 13 de agosto.