Betanzos escolle a proposta dun deseñador gráfico vasco como imaxe do 800 aniversario da cidade

403
O alcalde, Ramón García Vázquez, presentou, xunto coa concelleira de Cultura, María Barral, a imaxe.

Ás reunións para definir a programación dos actos conmemorativos do 800 aniversario da cidade no seu actual asentamento, súmase agora unha parte fundamental desta celebración: a súa imaxe. Alberto García Macías co logotipo “Oito Séculos” resultou gañador no concurso de ideas do deseño da imaxe conmemorativa do 800 aniversario do traslado da cidade de Betanzos á súa localización actual, que será utilizado no material promocional editado polo Concello: folletos, publicacións, produtos de merchandaxe, material de papelería, etc. O xurado escolleu o traballo gañador entre os 24 que se presentaron dentro de prazo. Outro tres chegaron fóra de prazo.

O primeiro edil explicou que o logo representa o 800 aniversario do traslado de Betanzos desde a súa antiga localización (San Martiño de Tiobre “Betanzos O Vello”) ata a súa actual localización, algo que en base ao explicado polo gañador do traballo reflíctese en:

Na parte superior representouse o rosetón da igrexa de San Martiño de Tiobre -simbolizando a antiga localización- e na parte inferior -simbolizando a actual- o rosentón da igrexa de Santa María de Azougue.

Os dous rosetóns están inscritos no número 8, o cal representa o oito séculos transcorridos no tempo.

O deseño deste elemento realizouse querendo representar a cor azul do río Mandeo; os tons ocres (que na imaxe non se perciben) representan a pedra das edificacións. Deste xeito, segundo o autor, evócase un movemento e xérase un vínculo entre os dous rosetóns unidos por unha especie de ponte que, de forma sinuosa, atravesa o río Mandeo, que separa as dúas localizacións.

O primeiro edil destacou a calidade do traballo e o estudo realizado polo autor, a quen felicitou telefonicamente esta mañá, sobre a historia de Betanzos e como esta conmemoración do 800 aniversario reflíctese na súa proposta, cunha imaxe versátil e adaptable, que convivirá con diversos logotipos, como o do Concello, e deberá ser aplicada en diferentes formatos e espazos. Como se lembrará, o concurso tiña un premio de 3000 euros.

Nacido en Bilbao (1976), Alberto García é licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco, estudando a especialidade de deseño gráfico. Foi profesor de deseño gráfico na academia de arte Studio Libre. Traballou como creativo e deseñador gráfico para o Grupo Vocento, tamén como freelance maquetando e redeseñando a revista “Deusto” (Universidade de Deusto). Está especializado na creación de logotipos, iconas e identidade corporativa para empresas, anuncios e cartelaría.