Betanzos fai oficial o seu irmandamento co Concello de Bullas (Murcia)

1443
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, e a de Bullas, María Dolores Muñoz.

Betanzos e Bullas asinaron o pasado 7 de outubro, o seu irmandamento, nun acto que tivo lugar no Concello murciano entre a alcaldesa de Betanzos, María Barral, e a de Bullas, María Dolores Muñoz. O irmandamento foi aprobado pola corporación local en xuño do pasado ano.

María Barral, que estivo acompañada polos concelleiros Ana Veiga e Antonio Vázquez Lorenzo, no irmandamento que hoxe se formalizou “entre Bullas e Betanzos, Betanzos e Bullas ten como principal motivación o fomento do mutuo coñecemento, o intercambio de lazos culturais e a intensificación de relacións comerciais, potenciando a nosa relación de amizade, promovendo a cooperación económica, social, turística, cultural, e calquera outra que resulte de interese para os dous concellos, pondo sempre en valor o que nos une por riba do que nos poida diferenciar”.

Indicou que “os irmandamentos xorden do desexo dos municipios de abrirse ao exterior, ofrecendo un marco privilexiado para manter contactos con outras cidades e fortalecer lazos de amizade. En definitiva, a unión de dous municipios distanciados xeograficamente, pero moi próximos en todo o demais”.

A primeira edil explicou que a relación entre Bullas e Betanzos remóntase aos anos 70 e 80, cando unha docente betanceira e o seu marido foron trasladados a este municipio, onde iniciaron unha relación profesional e persoal cos veciños e veciñas de Bullas. Das amizades establecidas por esta familia, xurdiu un primeiro convite ao Betanzos Club de Fútbol e ao Club Deportivo Bullense para participar en diferentes torneos en ambas as localidades. Esta relación afianzouse a finais dos anos 90 onde se celebraron diversos intercambios, tanto no ámbito deportivo, coa realización de partidos de fútbol entre os clubs de ambas as localidades, como no ámbito educativo, co intercambio de estudantes; e no cultural, con desprazamentos dos nosos grupos de folclóricos e bandas municipais.

Esta relación reforzouse máis se cabe no ano 2010 cando o Pleno de Betanzos decidiu dedicarlle unha rúa a Bullas, hoxe convertido en Paseo de Bullas, un nomeamento que o Concello de Bullas correspondeu concedéndolle a Betanzos o nome dun xardín.

Ademais destes feitos, son moitos os elementos de unión entre ambas as localidades. Partindo do número de habitantes, onde apenas hai diferenza, pasando por elementos de interese gastronómico como o viño, que é un dos alicerces básicos da agricultura de ambas as localidades, que ostentan a denominación de orixe de Bullas e a denominación de orixe de Viño da Terra de Betanzos.

Outro nexo de unión é a Semana Santa de ambas as localidades, con séculos de historia e declaradas de interese turístico en ambas as rexións e como non, os seus centros históricos e a gran beleza paisaxística de ambas as localidades.

A alcaldesa agradeceu a acollida que tivo a delegación municipal en Bullas e o interese deste municipio murciano por “manter vínculos con Betanzos”. Trasladoulle á corporación local o seu desexo de que “desde hoxe afondemos en todos eses lazos que nos unen, culturais, comerciais, deportivos” e que este irmandamento sexa de máxima utilidade para a nosa respectiva veciñanza, para as persoas, que son a principal motivación da nosa acción municipal”.