Betanzos garántelle o servizo de axuda a domicilio a todas as persoas usuarias cunha nova empresa a partir de hoxe despois de que a anterior abandonase a prestación

734
O SAF é un servizo especialmente complexo e delicado dirixido a necesidades básicas de persoas dependentes

O Concello ábrelle un expediente administrativo contra a empresa Tu mayor amigo por “faltar ás súas obrigas”.

As persoas usuarias do servizo de axuda a domicilio contarán desde hoxe martes, día 1, cunha nova empresa que realizará o servizo, garantindo así a súa prestación tal e como se comprometeu o goberno local coas persoas usuarias deste ante a situación xerada pola anterior empresa (Tu mayor amigo).

A contratación dunha nova empresa foi motivada pola decisión da anterior de abandonar a prestación do servizo a partir do 1 de outubro en contra do criterio dos servizos xurídicos municipais. A Secretaría municipal sostén que a empresa tiña obriga -existe xurisprudencia nese sentido- de mantelo nas mesmas condicións por un prazo de tres meses desde a finalización do do contrato ata o 1 de xaneiro de 2020 ou a data na que entre en vigor o novo contrato que nestes momentos está en licitación urxente.

Ante a negativa de Tu mayor amigo, que recibiu varias notificacións, o goberno local buscou alternativas para garantir o servizo a partir do día 1 de outubro, mantendo reunións con distintas empresas do sector, unha negociación complicada pola falta de tempo para buscar alternativas e a imposibilidade de promover unha concorrencia competitiva, tendo en conta que o procedemento de licitación xa está en marcha.

Nesa negociación verbal con distintas empresas, chegouse a un principio de acordo con SIAD 24 SL para que subrogase a contrata de maneira “urxente e de emerxencia” para que asuma a continuidade do servizo nas condicións estipuladas nos pregos aprobados na licitación que está en curso. O Concello necesitaba o servizo por razóns de interese público, xa que é un servizo esencial que lle afecta á saúde das persoas dependentes e que non pode deixar de ser prestado en ningún caso, segundo explicou a alcaldesa María Barral.

SIAD 24 foi contratada hoxe, vía emerxencia, para que preste o servizo desde mañá, día 1,a arredor dun centenar de persoas usuarias, ata que comece a prestalo a nova empresa que saia do proceso de licitación que está aberto nestes momentos. A empresa conta cunha dilatada experiencia no sector e é prestadora de servizos similares noutros concellos da comarca.

O goberno local anunciou tamén a apertura dun expediente administrativo contra a empresa Tu mayor amigo por falta nas súas obrigas de continuidade do servizo e as consecuencias xeradas pola súa decisión.

A alcaldesa, que nos últimos días mantivo reunións tanto con persoas usuarias como con traballadoras do servizo, explicou que todos os pasos dados polo goberno local tiñan como obxectivo garantirlle o servizo ás persoas usuarias a partir do día 1 e seguíronse en coordinación cos servizos xurídicos municipais. “Foron xornadas de intenso traballo e negociación para garantir a prestación ata que non se adxudique o servizo, para que as persoas usuarias non quedasen desprotexidas o día 1 e para que a empresa subrrogase ás traballadoras. Unha situación complexa desde o punto de vista administrativo”.