Betanzos imponlle unha sanción á empresa que executou a construción do parque de Cruz Verde polo atraso das obras

1096

Os atrasos acumulados nas obras de execución do parque Cruz Verde e a mellora do acceso ao canellón dos Xudeus provocaron que o Concello iniciase un expediente de “imposición de penalidades” que concluíu cunha multa económica de 2210 euros. O informe realizado pola dirección da obra determina que o atraso acumulado foi de 257 días, a pesar de que a empresa foi advertida en numerosas ocasións polo incumprimento dos tempos de execución do proxecto.

Para ao persoal técnico, as consecuencias do atraso limitáronse ao tempo no que novo espazo público non puido ser gozado polo veciñanza mais non supuxo danos nin prexuízos valorables economicamente. Con base a iso, a intervención municipal determinou que o procedemento de imposición de penalidades se cuantificaba en 2210,20 euros para deducir nas certificacións de obra pendentes de aprobar.

Tamén se lle concede audiencia á empresa para que presente as alegacións que considerase oportunas, e renuncie a estas aceptando a cantidade imposta. A ampliación desta imposición foi aprobada pola Xunta de Goberno local o pasado mes de setembro.

Lavadoiro

Por outra banda, aprobouse a adxudicación do contrato de mellora de acondicionamento do lavadoiro e fonte de Roque, en Xanrozo, que incluirá, en xeral, actuacións de limpeza e mellora ademais de instalación. En total investiranse preto de 17 000 euros.

O concelleiro de Infraestruturas, Antonio Vázquez Lorenzo, explicou que os traballos prevén unha actuación de recuperación integral deste lavadoiro, coa rehabilitación dun muro de pedra, a instalación de pavimento coa colocación de laxas de granito, unha nova cuberta con tella do país e columnas de pedra, ademais do acondicionamento dunha pequena zona verde.