Betanzos impulsará que os concellos do Consorcio e o da Coruña se unan para reclamar a supresión da peaxe da AP-9

1203
O Concello pretende liberalizar peaxes en Guísamo e Macenda para reducir o tráfico na N-VI

O goberno local trasladará á próxima reunión de alcaldes do Consorcio das Mariñas unha nova reivindicación sobre a situación da AP-9 con relación á supresión das peaxes de Macenda e Guísamo ou, como mínimo, a implantación da gratuidade nas viaxes de volta. O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, considera “inaceptable” que a veciñanza de Betanzos e a súa comarca, ademais da Coruña e os municipios de Oleiros, Cambre e Culleredo, “teña que pagar, como o resto dos usuarios da AP-9, a supresión da peaxe de Redondela e que esta zona, pola contra, siga sendo a gran esquecida polo Goberno central e a empresa concesionaria da autoestrada”.

O primeiro edil considera que, como xa se explicou publicamente en distintos foros e se lle trasladou ao Goberno, os concellos “desta zona necesitamos unha autoestrada libre de peaxe como principal vía de entrada e saída da cidade, para reducir o número de vehículos que diariamente circulan pola N-VI”. Neste sentido, insiste en que a medida “suporía menos accidentes de tráfico e reduciría de forma notabilísima os atascos que se producen en diferentes puntos da N-VI, hoxe convertida entre Betanzos e A Coruña, polas súas características, nunha vía urbana, non nunha estrada nacional”.

Considera que xustas as reivindicacións que se están facendo por parte dalgúns municipios para mellorar a seguridade da N-VI, caso de Oleiros ou Bergondo, mais considera que chegou o momento “de dar un paso máis e chegar ata onde haxa falta para insistir na necesidade de que o tramo entre Guísamo e A Coruña ou Macenda e A Coruña sexa gratuíto ou, como mínimo, o sexa a viaxe de volta”. Neste sentido, apuntou que “o que non podemos permitir máis tempo é que todas as decisións para beneficiar aos usuarios da autoestrada se centren no sur de Galicia e que se manteña á marxe un tramo tan importante, desde o punto de vista poboacional e empresarial, como é o da Coruña-Betanzos”.

O primeiro edil pretende tratar esta cuestión nunha próxima reunión do Consorcio sobre asuntos de mellora de comunicacións nesta área e que desde esta entidade apóiese   unha nova petición ante o Ministerio de Fomento e que a esta reclamación tamén se sume A Coruña.