Betanzos incrementou nun 66% durante o primeiro semestre deste ano o número de peregrinos que pasaron pola cidade.

1080
Entrada da oficina de turismo no edificio Liceo do Edificio Arquivo do Antigo Reino de Galicia

Betanzos recibiu durante os seis primeiros meses deste ano case un milleiro máis de peregrinos que durante o mesmo período de 2018. En concreto, pasáronse polas Oficinas de Turismo 2.454 persoas no que vai de 2019 polas 1.472 de 2018.

A esta cantidade habería que engadir outros grupos e persoas que fixeron o Camiño Inglés e que non se pasaron polas oficinas de Turismo. En definitiva, uns datos que reflicten o empuxe do Camiño e “o crecemento que experimenta este roteiro xacobeo ano tras ano”, segundo explicou o concelleiro de Turismo, Pablo Beade.

Para o goberno local os datos deste primeiro semestre reflicten tamén a necesidade de contar canto antes co albergue de peregrinos a pleno rendemento, é dicir, “que se poidan ofertar as 35 prazas que ten de capacidade o albergue, xa que a día de hoxe só pode ofrecer 6 prazas, unha vez que non concluíron aínda as obras de mellora dos aseos..

Unha situación que xerou durante as últimas semanas numerosos inconvenientes aos peregrinos”.

Mapas

Pablo Beade explicou tamén que desde a súa concellería reactivarase a petición realizada á Xunta para que a actualización dos mapas do roteiro Xacobeo, solicitada polo Consistorio en acordos plenarios en 2009 e 2013 para que a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo incluíse no Camiño do Cantábrico “a roteiro de unión entre Villalba e Betanzos tendo en conta a importancia que ten para Betanzos este traxecto”. Máis tendo en conta a celebración do Xacobeo 2021.

Sostén o Concello que aínda que o número de peregrinos aumentou nos últimos anos, a sinalización nos mapas oficiais deste roteiro posibilitaría a chegada de máis visitantes á cidade e que a pesar de que foi solicitada de forma oficial en varias ocasións, a día de hoxe “non hai comunicación algunha por parte da administración autonómica”.

O Concello mantén que desde hai anos os mapas xacobeos non recollen o camiño de Villalba a Betanzos, algo que para o goberno local “resulta incompresible” tendo en conta que hai documentos históricos que certifican este roteiro. A Betanzos chegaban na Idade Media tres camiños, dous costeiros (un desde Sada e outro desde Ferrol) e o camiño do Cantábrico, desde Ribadeo, pasando por Villalba, sobre unha vía romana. O costeiro de Ferrol, chamado do camiño Inglés, e o da costa Cantábrica uníanse no Santuario da nosa Señora do Camiño ou dos Remedios, na entrada a Betanzos. É máis, como consecuencia de ser Betanzos paso de varios camiños xacobeos construíronse “ a igrexa gótica (sobre unha románica) de Santiago, a matriz dá cidade, e diversos hospitais de peregrinos ao longo dá súa historia”.