Betanzos licitou a contratación do servizo de axuda no fogar. Logo de admitir o recurso especial de contratación presentado en tempo e forma pola Asociación estatal de entidades de servizos de atención a domicilio (Asade) polo que se suspendeu a licitación. A contratación realizarase pola vía de urxencia para que o servizo estea adxudicado e funcione a comezos do próximo ano.

Para a licitación o Concello elaborou un estudo económico do servizo mediante o que se estableceu o prezo de licitación que, tal e como se prevía, será de algo máis dun millón de euros ao ano tendo en conta unha previsión de 50 600 horas. O contrato licitarase para cubrir un período de dous anos en total.

As empresas que opten ao servizo deberán estar en posesión da autorización de entidade prestadora de Servizos Sociais. A adxudicación do contrato realizarase mediante procedemento aberto, oferta económica máis vantaxosa e varios criterios de adxudicación  e mediante tramitación urxente. Entre os criterios de valoración, o prezo ofertado terá un máximo de 40 puntos; os servizos complementarios 15 puntos; a valoración técnica do proxecto 35 puntos; e a plataforma informática de xestión do servizo 10 puntos.

Trátase dun proceso administrativo complexo polas cantidades económicas, que o converten no maior  contrato que ten o Concello, a nivel de carga económica, o que fai que “a súa contratación e a xestión administrativa deste, estea a levar un tempo maior ao desexado polo goberno local”.

O goberno local explicou que o servizo, coa nova empresa contratada mentres non se adxudica o novo servizo, discorre no que vai de mes con normalidade despois dos problemas que se xeraron coa anterior adxudicataria.

A contratación dunha nova empresa foi motivada pola decisión da anterior de deixar de prestar o servizo desde o 1 de outubro en contra do criterio dos servizos xurídicos municipais. A secretaría municipal sostiña que a empresa tiña obriga -existe xurisprudencia nese sentido- de mantelo nas mesmas condicións por un prazo de tres meses desde a finalización de o  contrato ata o 1 de xaneiro de 2020 ou a data na que entraría en vigor o novo contrato que se está a licitar.