Betanzos mellorará viais na zona rural e da contorna da Escola Infantil do Carregal

1104

Betanzos mellorará a contorna viaria da escola infantil do Carregal, en concreto a rúa Francisco Aguiar, complementando así as obras que se executaron na rúa Juan García Naveira, na contorna do parque do Pasatempo. Os traballos forman parte dun novo programa de asfaltados e mellora da seguridade que inclúe actuacións tanto na zona urbana como en diversas parroquias do rural.

As vías públicas incluídas nesta actuación están situadas na zona rural nas parroquias de Santa María de Pontellas, San Pedro de Viñas e Santiago de Requián, ademais da mencionada rúa Francisco Aguiar en pleno núcleo urbano de Betanzos. Trátase de vías moi utilizadas xa que forman parte dos principais accesos aos correspondentes núcleos desde estradas nacionais, autonómicas ou provinciais, formando parte a rúa Instituto Francisco Aguiar dos principais viarios da urbanización Pasatempo.

Na relación de actuacións inclúese:

Camiño Castro-Albar. Este camiño está situado nas parroquias de San Pedro de Viñas e Santa María de Pontellas, constituíndo un dos accesos ao núcleo de Illobre desde a AC-161. Conta cun gran desnivel e atópase pavimentado en asfalto e sen ningún tipo de sinalización horizontal. Ten unha lonxitude de 538,00 m e un ancho que varía entre 3 m na zona máis estreita e 4,10 m na máis ancha.

Camiño en Abelares. Este camiño está situado na parroquia de San Pedro de Viñas formando parte das principais vías de comunicación do núcleo, permitindo o acceso a este desde a N-VI. O tramo incluído neste proxecto ten unha lonxitude de 833 m, oscilando o ancho entre 3,20 m na zona máis estreita e 6,30 m na zona máis ancha, contando ademais con sobreanchos en cinco zonas. Actualmente o camiño está pavimentado en asfalto e non conta con ningún tipo de sinalización horizontal, sendo necesario proceder constantemente ao seu acondicionamento debido ao uso que ten.

Camiño A Peada. Situado na parroquia de Santiago de Requián, permite o acceso ao núcleo de Infesta desde a N-VI. O tramo incluído neste proxecto ten unha lonxitude de 430 m e un ancho que oscila entre 3,55 m na parte máis estreita e 4,50 m na máis ancha, incluíndo tamén tres sobreanchos sinalados nos planos anexos. Está pavimentado na actualidade con macadam e un dobre tratamento asfáltico, e o firme de asfalto está deteriorado en moitas zonas.

Camiño en Tarreo. Este camiño atópase situado na parroquia de Santiago de Requián e permite o acceso ao núcleo de Tarreo desde a AC-542. Trátase dun camiño bastante estreito, limitado nunha gran parte deste por fachadas de vivendas e muros de peche. O tramo incluído neste proxecto ten unha lonxitude de 525,10 m e un ancho que oscila entre 2,65 m na zona máis estreita e 3,70 m na máis ancha. Do mesmo xeito que o camiño anterior está pavimentado en asfalto, non ten ningún tipo de sinalización horizontal e conta cos servizos de abastecemento e rede de sumidoiros.

Rúa Instituto Fco. Aguiar. A rúa Instituto Fco. Aguiar está situada no núcleo urbano de Betanzos, na denominada urbanización Pasatempo. Trátase dunha vía de 315 m de lonxitude e 8,10 m de ancho entre bordos, que comunica a Avda. Fraga Iribarne coa Avda. Juan García Naveira, sendo unha vía de comunicación importante dentro da trama urbana e con bastante circulación xa que na Avda. Fraga Iribarne e na Avda. Juan García Naveira sitúanse varias superficies comerciais, así como o emblemático parque enciclopédico do Pasatempo que ten un gran número de visitantes. Está pavimentada en aglomerado e está en moi malas condicións como consecuencia do uso e o tempo transcorrido desde a súa execución, presenta un estado de deterioración elevada con abundantes fisuras, fochancas que nalgúns casos foron parcheadas, aglomerado cuarteado e zonas lixeiramente afundidas. As instalacións de saneamento (residuais e pluviais) discorren polas beirarrúas do mesmo xeito que os servizos de abastecemento, electricidade, comunicacións e iluminación pública, situándose ao longo da calzada xunto aos bordos 12 sumidoiros para a recollida de pluviais.

O investimento ascende a máis de 120 000 euros.