Betanzos pon en marcha un programa universitario para maiores de 50 anos en colaboración coa Universidade da Coruña

985
O acto inaugural estivo presido pola alcaldesa, María Barral Varela, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa, Nancy Vázquez, ademais da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez e o concelleiro de Educación, Andrés Hermida.

O Concello de Betanzos e a Universidade Sénior puxeron en marcha o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, un programa de formación específico para os adultos maiores de Betanzos, que se desenvolverá ata o mes de novembro no Salón Azul do Edificio Liceo e que conta con máis de 40 persoas.

Durante a presentación, a alcaldesa explicou que “hai tres piares básicos na nosa forma de entender a política: a educación, a cultura e o ámbito social, tres aspectos que diferencian a acción de goberno e que, sen dúbida, marcan a nosa folla de ruta.

Cando falamos de educación, sempre nos centramos na etapa escolar, porque quizá é a que máis afecta á xestión municipal. Desde infraestruturas ou equipamentos ata os programas de axudas para material escolar, comedor, etc… Pero eramos conscientes que había unha parte da poboación á que en materia educativa tiñamos que ofrecerlle contidos, actividade. Non nos podiamos quedar atrás e máis nun tema tan sensible para nós como a educación”.

En este sentido, indicou que “aí xorde a posibilidade de chegar a un acordo coa Universidade da Coruña, a Universidade Sénior, e implantar un programa formativo que dea resposta ás inquietudes e necesidades dos maiores de 50 anos, un programa para compartir experiencias e coñecemento, un programa que nace coa ilusión e obxectivo de que manterse no tempo, de ter continuidade no futuro, algo do que estou segura así vai ser”.

A actividade desenvolverase ata novembro, cun programa específico que se terá lugar por primeira vez en Betanzos e que incluirá tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña con sesións teóricas e prácticas ou saídas de campo.

Os tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña abordarán:

– “Arte e patrimonio: percepción e idea”

– “Hábitos de vida saudables. Nutrición e actividade física”

– “Biodiversidad e cambio global en Galicia”

A alcaldesa agradeceu “o traballo e interese posto pola Universidade da Coruña para facer realidade este proxecto, a súa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa e á directora da Universidade Sénior”.