Betanzos pon en marcha un programa universitario para maiores de 50 anos en colaboración coa Universidade da Coruña

1488
A alcaldesa presentou o programa xunto ao concelleiro de Educación, Andrés Hermida, e responsables da Universidade

O Concello e a Universidade Sénior poñerán en marcha o Programa Universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, un programa de formación específico para os adultos maiores de Betanzos, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro no Salón Azul do Edificio Liceo.

A inscrición, que é gratuíta, poderá realizarse de xeito on-line https://udcseniorbetanzos.wordpress.com/ou presencial a través do Concello, dende oluns 1 ata o 10 de outubro. O programa foi presentado pola alcaldesa, María Barral Varela, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa, Nancy Vázquez, ademáis da directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez e o concelleiro de Educación, Andrés Hermida. Durante a presentación, a alcaldesa explicou que “ hai tres pilares básicos na nosa forma de entender a política: a educación, a cultura e o ámbito social, tres aspectos que diferencian a acción de goberno e que, sen dúbida, marcan a nosa folla de ruta. Cando falamos de educación, sempre centrámonos na etapa escolar, porque quizais é a que máis afecta á xestión municipal. Desde infraestruturas ou equipamentos ata programas de axudas para material escolar, comedor, etc… Pero eramos conscientes que había unha parte da poboación á que en materia educativa tíñamos que ofrecerlle contidos, actividade. Non nos podiamos quedar atrás e máis nun tema tan sensible para nós como a educación”.

Neste sentido, indicou que “aí xorde a posibilidade de chegar a un acordo coa Universidade da Coruña, a Universidade Senior, e implantar un programa formativo que dea resposta ás inquietudes e necesidades dos maiores de 50 anos, un programa para compartir experiencias e coñecemento, un programa que nace coa ilusión e obxectivo de que manterse non tempo, de ter continuidade no futuro, algo do que estou segura así vai ser”.

A actividade desenvolverase nos meses de outubro e novembro, cun programa específico que se realizará por primeira vez en Betanzos e que incluirá tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña con sesións teóricas e prácticas ou saídas de campo.

Os tres seminarios impartidos por profesorado da Universidade da Coruña abordarán: Arte e patrimonio: percepción e idea; Hábitos de vida saudables. Nutrición e actividade física; Biodiversidade e cambio global en Galicia.

A alcaldesa agradeceu “o traballo e interese posto pola Universidade da Coruña para facer realidade este proxecto, a súa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Educativa e á directora da Universidade Sénior”.