Betanzos presenta un novo programa de sendeirismo con 100 prazas para percorrer o Camiño entre Santiago e Fisterra

172

O Concello presentou hoxe o programa de “Sendeirismo Primavera 2018 que contempla cinco saídas para completar o Camiño de Santiago, entre Santiago de Compostela e Fisterra. Trátase, segundo explicou o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, de completar o programa do ano pasado no que se realizou o Camiño entre Ferrol e Santiago. No programa poderán participar ata un centenar de persoas e a inscrición abrirase o próximo día 6. Cubriranse por rigorosa orde de inscrición que se poderá realizar a través da web municipal: www.betanzos.gal; ou presencial na Oficina de Turismo ou no departamento de Deportes situado na Casa Consistorial do centro histórico.

Na inscrición daráselle preferencia ás persoas empadroadas en Betanzos. Poderán participar tamén menores que, en todo caso, deberán de ir acompañados por unha persoa adulta.

A primeira etapa será o día 13 de maio con saída de Santiago e chegada a Negreira, de cinco horas de duración e 21 quilómetros de distancia; a segunda, desde Negreira a Santa Mariña, o 20 de maio, de 20 quilómetros de distancia, con dificultade media e cinco horas de duración. A terceira, o 27 de maio,  desde Santa Mariña ao Hospital de Logoso, de 16 quilómetros, dificultade baixa e catro horas de traxecto e a cuarta, o 10 de xuño, de Hospital de Logoso a Ézaro e Cee, cunha distancia de 21 quilómetros e unha duración de cinco horas.

A quinta e última etapa será de Cee a Fisterra, con dificultade media, unha distancia de 18 quilómetros e unha duración de 5 horas.

A saída dos autobuses para participar nas etapas terá lugar ás 08:00 h da parada do Cantón de Claudino Pita. O Concello prestará apoio loxístico a través de Protección Civil. No programa colabora Gadis e a Deputación da Coruña.

Para máis información e incripcións online prema aquí