Betanzos presenta un novo programa de sendeirismo con 100 prazas para percorrer o Camiño Francés, entre O Cebreiro e Santiago

610

O Concello presentou o programa de “Sendeirismo Primavera 2019” que contempla sete saídas para realizar o Camiño de Santiago entre O Cebreiro e Santiago. Trátase, segundo explicou o concelleiro de Deportes, Andrés Hermida, de ofrecer un terceiro programa que complete o de anos anteriores, primeiro o que se realizou entre Ferrol e Santiago, hai dous anos, e o de Santiago a Fisterra do pasado ano. No programa poderán participar até un centenar de persoas e a inscrición abriuse o día 20, e cerrarase o día 27 deste mes. Cubriranse por rigorosa orde de inscrición que se poderá realizar a través da web municipal: www.betanzos.gal; ou presencial na Oficina de Turismo ou no departamento de Deportes situado na Casa Consistorial do centro histórico.

Na inscrición daráselle preferencia ás persoas empadroadas en Betanzos. Poderán participar tamén menores que, en todo caso, deberán de ir acompañados por unha persoa adulta.

A primeira etapa será o día 3 de marzo con saída do Cebreiro e chegada a Triacastela, de seis horas de duración e 21 quilómetros de distancia; a segunda, desde Triacastela, Samos e Sarria, o 10 de marzo, de 25 quilómetros de distancia, con dificultade media e sete horas de duración. A terceira, o 17 de marzo, desde Sarria a Portomarín, de 22 quilómetros, dificultade media e seis horas de traxecto; a cuarta, o 24 de marzo, de Portomarín a Palas de Rei, cunha distancia de 25 quilómetros e unha duración de sete horas; a quinta etapa de Palas de Rei a Arzúa, o 31 de marzo con 28 quilómetros e oito horas de duración; a sexta de Arzúa ao Pedrouzo, o 7 de abril con 20 quilómetros e seis horas e a sétima do Pedrouzo a Santiago de Compostela, o 14 de abril de 20 quilómetros e seis horas de duración.

A saída dos autobuses para participar nas etapas terá lugar ás 08.00 horas da parada do cantón de Claudino Pita. O Concello prestará apoio loxístico a través de Protección Civil. No programa colabora Gadis e a Deputación da Coruña.