Home Infraestructuras Betanzos presenta un plan de actuacións, dentro dos programas provinciais, cun investimento que supera os 2,3 millóns de euros

Betanzos presenta un plan de actuacións, dentro dos programas provinciais, cun investimento que supera os 2,3 millóns de euros

0
Betanzos presenta un plan de actuacións, dentro dos programas provinciais, cun investimento que supera os 2,3 millóns de euros

O goberno local presentará no próximo pleno, o luns día 17, a proposta de obras a incluír no Plan único POS+ 2019. En total, investiranse 867 951 euros dos que a Deputación achegará 549 164 euros. Na relación de propostas, segundo adiantou hoxe a alcaldesa, María Barral, inclúese a reordenación do saneamento na marxe do río Mendo entre a ponte das Cascas e a ponte do Carregal, no que se investirán 399 937 euros e a mellora da urbanización e servizos da rúa Nova e da rúa Hórreo, a través dun proxecto de 118 060 euros. Este último proxecto súmase aos realizados nos últimos anos, algúns mesmo en fase de execución, no centro histórico, con obras de renovación de diferentes rúas.

Outra dos proxectos incluídos no Plan único é a rehabilitación do convento das Donas, considerada a edificación máis antiga de Betanzos. Trátase dunha actuación cuxo custo alcanza os 349 952 euros, cunha achega municipal de 171 768 euros.

Dentro do Plan complementario do ano 2019 incluíronse actuacións consideradas “financeiramente sustentables” cun investimento global próxima aos 1,5 millóns de euros. En total incluíronse oito proxectos que inclúen proxectos tanto na zona urbana como na zona rural. Entre eles, proporáselle ao Pleno a mellora de pavimentación e servizos na rúa Castelao, cun investimento de 146 457 euros; a mellora de pavimentación na rúa Concepción Arenal, cun custo de 79 406 euros; a mellora da pavimentación e seguridade en rúas de Requián e Piadela por 135 004 euros; a pavimentación asfáltica de vías públicas municipais nas parroquias de Tiobre, Pontellas, Piadela e Requián, cun investimento de 194 212 euros.

Na zona urbana, incluíronse en diversas rúas, nas que tamén se renovarán os servizos, como a rúa López da Torre, con 130 908 euros; a rúa Pintor Seijo Rubio, con 254 988 euros; e as rúas Cruz Verde e Xudeus con 271 532 euros. Tamén se incluíu no programa a urbanización e servizos nas rúas grupo Brigantium e Manuel Naveira, con proxectos que alcanzan os 270 387 euros.