Betanzos presenta unha ampla oferta de actividades de verán para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante estes meses

441
O alcalde, Ramón García Vázquez,e a concelleira de cultura María Barral presentaron o programa de actividades de verán 2018

O Concello presentou o programa de actividades de verán 2018, un programa no que a veciñanza, segundo explicou esta mañá o alcalde, Ramón García Vázquez, vai poder “atopar unha ampla oferta cultural, festiva, educativa-formativa, xuvenil e deportiva dirixida a todas as idades”. Trátase dun programa no que están involucrados gran parte dos departamentos municipais (deportes, servizos sociais, cultura, participación cidadá, turismo, mocidade, normalización lingüística e festas, entre outros) co que o Concello pretende, potenciando as actividades para os máis pequenos e pequenas, “facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses estivais, coincidindo co período vacacional”. A programación será repartida entre todos os escolares do municipio e estará dispoñible tanto nas dependencias municipais como na web municipal.

Para descargar o programa de actividades de verán prema aquí

O programa inclúe varios campamentos para nenos con idades comprendidas entre os 3 aos 12 anos organizados por Servizos Sociais. Haberá tres quendas. O primeiro deles comezará xusto despois de que acabe o curso escolar, o día 25 de xuño. Desenvolverase ata o 13 de xullo en horario de nove da mañá a dúas da tarde. Os outros dous serán do 16 ao 27 de xullo e do 30 de xullo ao 10 de agosto. A cota é de 50 euros.

En xullo tamén haberá outro campamento “multideportivo saudable”, para mozos de 12 a 17 anos. Desenvolverase do 2 ao 15 de xullo.

O programa recolle as actuacións musicais máis destacadas que se celebrarán durante todo o verán, incluíndo o festival Betanjazz que terá lugar en xullo (13,14 e 16), e o Festival de artes escénicas na rúa “Vai de Rúa” que se celebrará os días 27 e 28 de xullo cun total de 13 representacións. Desde a Oficina Municipal de información Xuvenil (Omix) organizaranse tamén distintos obradoiros de actividades sobre Djs, fotografía, maquillaxe, impresión 3D, impartidos por profesionais betanceiros; ademais de xornadas sobre procura de emprego, currículo, e emprego de redes sociais.

Tamén haberá visitas guiadas durante os meses de xullo (13, 20 e 27), agosto (3, 10 e 31) e setembro (día 8), centradas no centro histórico e outra, dirixida aos nenos, sobre o Medievo, que terá lugar o día 5 de xullo.

O Concello adianta tamén algunhas das datas de celebracións como a de Caneiros en Familia, o 4 de agosto; a Feira Medieval do 6 ao 8 de xullo; a Semana Internacional de Cinema centrada en Javier Gutierrez, do 26 ao 28 de xullo; e a Mostra de Viños e Produtos das Mariñas, en setembro. Entre as novidades destaca tamén as rutas fluviais na Diana Cazadora que se desenvolverán os martes e xoves este mes de xullo, agosto e setembro.

O folleto recolle a información non só das actividades organizadas polo propio Concello senón tamén algunhas das que desenvolven os distintos clubs deportivos da cidade co fin de colaborar así na súa difusión: campus de baloncesto de Santo Domingo; torneo de Xadrez, cursos de piragüismo, campus de fútbol, birlos, Mini BTT, iniciación ao golf, etc.