Betanzos presenta unha web dedicada en exclusiva á Feira Medieval que este ano cumpre a súa XXI edición

1173
O alcalde Ramón García presentou unha nova web dedicada a Feira medieval

Betanzos prepárase para vivir nos próximos días unha nova edición da Feira Medieval. Serán os días 6, 7 e 8 de xullo. Como anticipo, dentro das accións de promoción da feira, o Concello presentou unha nova web propia desta importante cita medieval. O portal encádrase na liña de accións coas que o Concello pretende mellorar a súa presenza na rede e que se iniciaron cun novo portal municipal, no principio do ano; e agora este centrado na Feira medieval.

A páxina está operativa desde hoxe no enderezo feiramedieval.betanzos.net. Trátase dunha páxina actual, dinámica, na que a veciñanza e as persoas visitantes terán toda a información da Feira Medieval de forma actualizada. A web divídese en varios apartados, onde o programa, coas distintas actividades, ocupa un lugar destacado. Poderase descargar ou consultar directamente.

Ademais do saúda do alcalde, hai unha completa galería de imaxes da edición anterior, que se irá actualizando este ano, e información sobre cada unha das escenas históricas que se representan durante o tres días de feira: a batalla das Figueiras, as carreiras de “bocois”; a expulsión dos leprosos e as revoltas irmandiñas.

Na web tamén se poderá consultar un mapa coas rúas nas que estarán colocados os distintos postos de venda da Feira así como un apartado coa recompilación dos carteis das 20 edicións anteriores; e un vídeo oficial de 20 minutos no que se recollen os aspectos máis destacados do tres días de feira.

O último, é o dedicado aos trámites administrativos, no que se poden descargan documentos e información, dirixida aos vendedores e vendedoras dos diferentes postos así como a asociacións que tamén están representadas na feira.

A web está dispoñible en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Decoración

O Concello comezou esta semana os traballos de instalación de teas e bandeirolas no centro histórico para ambientar as súas rúas. En total haberá máis de 300 bandeirolas e algo máis de 6 quilómetros de teas decorativas.

Canto a postos, nesta edición recibíronse máis de 360 solicitudes. Delas atendéronse 98 peticións. O resto, ata completar os 131 postos que terá este ano a feira, estarán ocupados polos 33 puntos de venda correspondentes ás asociacións de Betanzos que así o solicitaron, comerciantes do centro histórico e os postos de gastronomía da poxa pública feita polo Concello. Dos 98 postos seleccionados, dez deles participarán por primeira vez na feira.

Os postos instalaranse polas zonas habituais, isto é: a porta da Vila, a rúa do Castro, a praza da Constitución, Santiago, Roldán, Pescadería, praza Fernán Pérez de Andrade, Santa María, e San Francisco.