Betanzos presentou a Semana da Tortilla 2019, que este ano se celebrará do 4 ao 13 de outubro

999
A alcaldesa, María Barral, a concelleira de Comercio, Hostalaría e Industria, Protocolo e Festas, Ángeles Veiga e algúns dos hostaleiros e hostaleiras que forman parte da edición deste ano

O Concello de Betanzos presentou a Semana da Tortilla 2019, que este ano se celebrará do 4 ao 13 de outubro, e na que participarán 22 locais hostaleiros. A alcaldesa, María Barral, a concelleira de Comercio, Hostalaría e Industria, Protocolo e Festas, Ángeles Veiga e algúns dos hostaleiros e hostaleiras que forman parte da edición deste ano reuníronse na praza dos Irmáns García Naveira para dar o inicio a unha nova Semana da Tortilla, o prato estrela da cidade brigantina.

O formato, como é habitual, ten como principal obxectivo facilitar a participación de hostaleiros e hostaleiras na promoción do produto. Os establecementos participantes están situados, principalmente, na zona centro, A Ribeira, A Cañota, Los Ángeles, calellas e rúa Venezuela.

Este ano participarán: Adega Lastras, Casa do Queixo, El Histórico, Adega Rivas, Cervecería Yocri, Mesón Avenida, Sinuessa, Bar Buenos Aires, Heladería Cafetaría Plaza, Restaurante Casanova, A Tinería, La Bodeguilla, Mesón A Tixola, Vinoteca Versalles, Casa Miranda, Taberna 1931, Taberna Escondida, Mesón O Progreso, Mesón Furancho, O Paxeiro, Café Bar Jenny O Bacel e Onze. O prezo, do mesmo xeito que a porción de tortilla que se ofrecerá en cada tapa, está recollido nas bases da organización, e será de 1,50 euros.

O Concello editará uns trípticos onde se recolle a información tanto dos establecementos participantes como da súa localización. Os trípticos levarán tamén un espazo a completar polas persoas que proben as tapas. Este espazo deberá estar selado, como mínimo, por cinco dos 21 establecementos participantes como mostra de que se degustou tortilla. Nese caso, entrarán no sorteo de catro cartóns por valor de 100 euros nos comercios asociados en ACEBE CCA.

Doutra banda, haberá tamén o premio á mellor tortilla. Para iso, na presente edición formaranse dous xurados. Un que percorrerá os establecementos onde se sirva a tortilla, escollendo de todos eles, o cinco que pasarán á final, onde outro xurado, entre ese cinco, distinguirá a mellor tortilla.

Tamén se mantén o Premio Popular, a mellor tortilla elixida por votación popular, que se outorgará ao establecemento que máis votos obteña durante estes días nas urnas situadas en cada local.

Haberá un concurso a través das redes sociais de Betanzos Tan Cerca, en Twitter @BetanzosCerca; en Facebook www.facebook.com/betanzostancerca e en Instagram @betanzostancerca.

Esta celebración coincidirá co 800 aniversario do traslado de Betanzos á súa actual localización, e por iso creouse un cartel conceptual, no que a arte de facer tortilla é o reclamo principal, e no cal este manxar ocupa un lugar destacado.