Betanzos realiza unha campaña de desratización que inclúe todas as rúas da cidade, e intensifica os traballos nas zonas máis próximas ao Mendo e Mandeo

699

O goberno local intensificou durante este mes a campaña de desratización na cidade, e programa actuacións concretas en diversas zonas ou puntos “quentes” en que nesta época do ano, coincidindo cun período de escasas precipitacións e mareas en cotas altas, podería aumentar a presenza de roedores.

Trátase de traballos que se realizan habitualmente e que nesta ocasión se intensificaron cun plan de choque, xa que o Concello tamén recibiu avisos en varias zonas, “especialmente naquelas rúas máis próximas aos ríos ou en puntos onde hai vivendas abandonadas ou onde se bota comida a gatos, o que xera tamén a aparición de roedores”.

Para este plan de choque dividiuse a cidade en tres sectores, e intensificáronse os labores en zonas verdes, a rede de rede de sumidoiros, a de semáforos, tamén a da iluminación pública, e zonas próximas aos centros de ensino.

No primeiro sector incluíronse máis de trinta rúas, e detectouse a presenza de roedores e, por tanto, incrementáronse os labores de desratización na Condomiña e na rúa Coral Polifónica. No resto deste sector a incidencia é “leve”. O segundo sector está formado por máis de sesentarúas, e detectouse a presenza nalgúns soares e inmobles abandonados, ademais de canalizacións da rúa Caneiros, cruce do Rollo con Pintor Seijo Rubio e Francisco Blanco.

O terceiro sector tamén está formado por outras setenta rúas, inclúe zonas próximas aos ríos, e inmobles e soares abandonados, cuxos traballos se realizarán a próxima semana.

Desde a concellaría de Medio Ambiente manterase un seguimento destas zonas por se fose necesario reincidir na campaña nalgúns puntos. Ademais, trasladaráselle ao Consorcio das Mariñas a necesidade de realizar unha limpeza dalgúns colectores situados especialmente na zona de establecementos hostaleiros para que se realice unha limpeza exhaustiva destes.

Todas estas accións complétanse coa campaña de limpeza urbana que inclúe  actuacións en todos os barrios da cidade. A programación de traballos iniciouse na praza dos Irmáns García Naveira e no Cantón Claudino Pita para continuar na avenida Jesús García Naveira.  O plan de traballos incluirá, nunha primeira fase, as prazas da cidade para continuar, posteriormente, coas rúas. Os traballos, que se executan a través dos servizos municipais, realizaranse durante o día, aínda que, en ocasións, efectuaranse de madrugada tendo en conta as características da rúa.