Betanzos reforzará e renovará a sinalización da zona rural coa instalación duns 200 rótulos

1029

O Concello contratará unha actuación para mellorar a sinalización na zona rural do municipio. Trátase duns traballos nos que se investirán 69.738,07 euros. O obxectivo, segundo explicou hoxe o goberno local, é renovar e ampliar a sinalización informativa nos diferentes núcleos do municipio  cunha sinalización vertical informativa e turística. Indicaranse os núcleos, lugares de interese para viaxeiros, de interese deportivo e recreativo, de interese monumental ou cultural, da rede viaria urbana, zonas de uso industrial e sinalización de benvida ao Concello.

 

A sinalización proposta ten como a finalidade liquidar carencias que ten a  actual, carencias que se manifestan no mal estado de conservación dos sinais existentes, as deficiencias de información nos seus contidos, a ausencia de normas de sinalización, a ausencia de elementos sinalizadores nalgúns enclaves e a saturación noutros, e mesmo a mala visibilidade dos sinais instalados.

 

O proxecto inclúe módulos de sinalización direccionais e localización para informar principalmente sobre o inicio de poboacións e situación de lugares de interese para os condutores (igrexas, instalacións deportivas, poboacións, etc). Prevese tamén a colocación de sinais de orientación e indicación, con frechas que se colocan en cruces, interseccións, rotondas ou illotes de estradas ou travesías indicando a dirección a tomar para dirixirse a un destino concreto. Neste tipo ademais do nome da localidade ou lugar de interese indícase a distancia a esta nuns casos, ou soamente o nome noutros. Informarán sobre a dirección de destinos diversos (núcleos rurais, instalacións deportivas, lugares de interese cultural e monumental, etc).

 

A actuación prevé tamén a colocación de sinais de entrada ao municipio,  tipo tótem, no que se incorporará unha mensaxe de benvida, incorporando a imaxe/ilustración dun recurso emblemático.

 

En total colocaranse arredor de 200 sinais ao longo dos núcleos de poboación e viarias da zona rural, segundo deu a coñecer hoxe o goberno local.

 

.