Betanzos renderá homenaxe a Javier Gutiérrez do 26 ao 28 deste mes na XVIII Semana Internacional de Cinema

1308

Betanzos volverá ser capital do cinema de Galicia entre os días 26 e 28 deste mes coincidindo coa celebración da Semana Internacional de Cinema dedicada ao actor ferrolán Javier Gutiérrez baixo o título “animal cinematográfico”.

As xornadas foron presentadas no cinema Alfonsetti pola concelleira de Cultura, María Barral, e o director da Semana de Cinema, Chema Paz Gago.  O Concello xunto aos responsables da Semana de Cinema decidiron dedicar a Gutiérrez a edición deste ano pola súa traxectoria profesional e ser un dos actores do momento do cinema español. Javier Gutiérrez estará presente o sábado, na última xornada, na que se lle entregará o premio, nun acto que terá lugar a partir das 20.30 horas.

O director da Semana tamén destacou a colaboración e o apoio do Concello para dar un novo impulso a estas xornadas nunha cidade tan vinculada ao cinema como Betanzos.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura destacou o traballo do equipo de Chema Paz Gago na organización da Semana e a clara intención que ten o Concello “despois duns anos de dificultades de seguir impulsando a Semana e colocala onde se merece”. También agradeceu á colaboración de Gadis, que un ano más será un dos patrocinadores do certame.

Comezará o xoves día 26 coa proxección de “El Olivo” (2016), de Iciar Bollaín, ás 19.00 horas. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, terá lugar a inauguración oficial finalizando esta primeira xornada con “El deconocido” (2015) de Dani de la Torre. O venres 27 estará dedicado a películas como “Plan de fuga” (2016), de Iñaki Dorronsoro, a partir das 19.00 horas; e “La isla mínima” (2014) de Alberto Rodríguez, a partir das 21.00 horas.

A clausura será o sábado 28 coa proxección de “Vida” (2015) de Rubén Ríos e “ Máis ca vida” (2016) para concluír coa “alfombra vermella” e a gala de peche coa entrega do premio da Semana de Cinema a Javier Gutiérrez a partir das 20.00 horas. Logo, a proxección de “El autor” (2017) de Manuel Martín Cuenca e o cóctel no claustro do Museo das Mariñas.