Betanzos será sede dunha das “Survival Zombie 2019” o 2 de marzo coincidindo coas festas de Entroido

419
Foto correspondente a edición da Survival Zombie en Talavera de la Reina. Fonte: La Voz del Tajo

Betanzos será sede dunha das “Survival Zombie 2019”. Así o confirmou a alcaldesa, María Barral, xunto ao concelleiro de Xuventude, Pablo Beade, despois de acordar coa empresa World Real Games a súa celebración para o próximo 2 de marzo dentro da programación de actividades de entroido.

Trátase dun evento único que se desenvolverá de 21:00 h a 03:00 h no que os participantes vivirán unha trama post apocalíptica, loitando por sobrevivir a través de diferentes probas a modo de xincana mentres foxen da presenza dos zombies. Se son cazados por eles, pasan ao lado escuro e xogan do outro lado, experimentando nas súas propias carnes que significa ser un morto vivente. A actividade contará cun equipo de maquilladores profesionais.

“Survival Zombie” converteuse na revelación dos eventos lúdicos en España. Até agora, máis de 100 000 persoas gozaron deste real game no que se concentran entre 1000 e 3000 participantes na súa edición orixinal que viven edición a edición e por toda España. O evento a grandes liñas consiste nunha xincana por toda a localidade onde a participantes apúntanse como sobreviventes e teñen que conseguir sobrevivir durante toda a noite perseguidos por Zombies e “axudados” por militares ou axentes secretos. Realizouse en máis de 200 localidades con máis de 200 000 xogadores por toda España, cun éxito sen precedentes. A media de xogadores en cada edición é de ao redor de 500 até os 4500 xogadores que houbo en Barcelona, con persoas que veñen de todos os recunchos do país.

O concelleiro de Xuventude explicou que un elemento moi importante e diferenciador neste xogo é que está totalmente prohibido o alcol ao ser un evento deportivo, que fomenta o turismo, o deporte e a hostalaría. O xogo desenvolverase en entre 15 e 18 localizacións, abertas e pechadas para o desenvolvemento do xogo. Haberá montaxe de escenas e puntos de control. Poderán xogar persoas de 10 a 14, acompañados de pai nai titor; de 14 a 18 con permiso paterno ou materno, e maiores de 18 anos.