Betanzos solicita a colaboración de Lotarías e ONCE para promocionar a imaxe do 800 aniversario da cidade nos seus sorteos do próximo ano

1104
Vista xeral de Betanzos en 1899 Foto FJMartinez Santiso. Arquivo municipal de Betanzos

O Concello segue traballando na promoción do 800 aniversario da cidade que terá lugar en febreiro do próximo ano. Á marxe da programación de eventos, o goberno local busca tamén a difusión desta cita histórica a través de diversas accións de ámbito nacional. Entre elas, unha con Lotarías e Apostas do Estado e outra co ONCE. No primeiro dos casos, o alcalde, Ramón García Vázquez, solicitoulle á presidenta da Sociedade Estatal de Lotarías e Apostas do Estado, Inmaculada García, o interese do Concello en celebrar un sorteo da Lotaría Nacional en Betanzos e que a imaxe dos décimos dese sorteo foi a do 800 aniversario da cidade.

No caso do ONCE, o alcalde dirixiuse ao delegado territorial en Galicia, Manuel Martínez Pan, para expresarlle o seu interese en que un dos sorteos do próximo ano leve tamén nos “cupóns” a imaxe de conmemoración do 800 aniversario.

O rexedor solicita así a colaboración de ambas as entidades na promoción e difusión do 800 aniversario da Fundación da cidade, un acontecemento “de relevancia excepcional para a cultura de Galicia e España e, por suposto, para a cidade, despois de que o 13 de febreiro de 1219 o rei Alfonso IX de León establecese o asentamento da cidade no antigo castro de Untia, localización que hoxe segue ocupando Betanzos”.

Xunto a estas peticións, o Concello tamén cursou o convite á Casa Real para poder contar coa presenza das súas maxestades o 13 de febreiro, día no que se celebraría o acto principal desta conmemoración.

Concurso de ideas

Por outra banda, o Concello convocou un concurso de ideas para o deseño da imaxe conmemorativa do 800 aniversario da cidade. O obxectivo é convocar un concurso para logo seleccionar os traballos de creatividade e deseño para a creación do logotipo conmemorativo do 800 aniversario do traslado da cidade de Betanzos  á súa localización actual, que será utilizado no material promocional editado polo Concello en folletos, publicacións, produtos de merchandaxe, material de papelaría, etc.

VER CONVOCATORIA

Os traballos que se presenten terán que ser orixinais e basearse na construción dun logotipo conmemorativo dos 800 anos e inspirado nos recursos da cidade, nas emocións e nos sentimentos que esta transmite: cidade medieval, cunha gran identidade cultural, cunha paisaxe e unha contorna excepcional; un centro histórico único, capital do gótico galego, declarado conxunto histórico artístico en 1970; unhas festas, declaradas de interese turístico, que inclúen o lanzamento do globo de papel máis grande do mundo e as romarías aos Caneiros; a feira medieval, declarada de interese turístico galego, que conta con innumerables recreacións históricas; cidade acolledora, con persoas que a consenten e admiran; un legado único, o dos irmáns García Naveira; e cunha gastronomía que combina a tradición coa innovación, de proximidade, baseada na calidade do produto e a súa temporalidade, na que destaca a famosa tortilla.

A imaxe deberá de ser versátil e adaptable, dado que ten que convivir con diversos logotipos, como o do Concello, e deberá ser aplicado en diferentes formatos e espazos. A creación do logotipo é libre, coa condición de que se inclúa a palabra Betanzos. As dimensións e o formato tamén son libres.  Deberá presentarse en cor e en branco e negro.

Establécese un primeiro premio de 3000 euros para a persoa que gañe o concurso tras a elección do xurado. O proxecto gañador publicarase na web municipal e deberá ser entregado ao Concello nun prazo máximo de 15 días un manual de identidade corporativa.

Entre os criterios valorativos estará o deseño con 30 puntos; o valor comunicativo e simbólico, con 25 puntos; a identidade, inspiración nos valores e recursos da cidade, así como nas emocións e sentimentos que transmite, 20 puntos; a versatilidade, con 15 puntos e a aplicación en produtos e formatos, 10 puntos.