Betanzos solicitaralle á Xunta que amplíe o radio de acción de compra vivendas no centro histórico na próxima convocatoria

46

Betanzos pretende que a Xunta amplíe o radio de acción de compra de vivendas no centro histórico nas súas próxima convocatorias. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, tendo en conta aquelas dificultades que houbo nas últimas convocatorias para que as persoas propietarias dos inmobles situados na rúa da Cerca e arrabaldes reunisen as condicións marcadas pola Consellería de Vivenda para poder incluír as súas vivendas neste programa de compra.

María Barral destacou que o programa que está a levar a cabo a Consellería de Medio Ambiente de adquisición de vivendas “está a resultar positivo, como así llo trasladei ao propio presidente na reunión mantida a pasada semana, para incentivar a recuperación de inmobles e a súa posta a disposición como vivendas en réxime de alugueiro”.

As últimas convocatorias para a adquisición de vivendas continuaron centrándose na zona da Cerca e as rúas adxacentes co que “cada convocatoria resulta máis difícil que as persoas propietarias que xa non cumpriron as condicións na anterior, poidan cumprilas na seguinte, co que se esgotan as vías para poñer a disposición do programa novos inmobles”.

Nesta situación, a proposta do goberno local á Xunta pasará por ampliar a zona de compra a outras rúas do centro histórico nas que sabemos que hai propietarios dispostos a participar no programa da Xunta “e que poden cumprir as condicións”. O obxectivo, para a alcaldesa, é “incentivar a recuperación de inmobles en todo o centro histórico e non centralo só nunha única zona”.

María Barral fixo especial fincapé en manter e potenciar a colaboración entre as dúas administracións para o desenvolvemento estes programas de adquisición de vivendas. Nas anteriores convocatorias, o Concello informou ás persoas propietarias a través da oficina municipal de Rehabilitación, situada no centro histórico xa que se trata dun programa de suma importancia para Betanzos co que, xunto a outras actuacións, incentiva que particulares que ata agora “non se decidiron a executar obras de rehabilitación de inmobles nesta zona do centro histórico, agora si que o fagan”.