Calzados Escala recibiu o Premio Úrsula Meléndez de Texeda en recoñecemento ao cinco xeracións de mulleres da mesma familia que dirixiron o comercio

1848
Ramón García Vázquez entrega o premio Úrsula Meléndez de Texeda 2018 a Beatriz Gómez Iglesias e Victoria Gómez Iglesias.

Betanzos, 19 de marzo de 2018. O goberno local entregou o pasado domingo 18 de marzo, o premio Úrsula Meléndez de Texeda co que o Concello pretende cada ano facer un recoñecemento á traxectoria profesional dunha muller betanceira, dentro dos actos de conmemoración Día Internacional dá Muller.

Neste caso, a diferenza de anos anteriores, o premio pretende recoñecer a traxectoria profesional das mulleres dunha familia de Betanzos vinculadas ao comercio durante cinco xeracións, comezando con desde unha taberna, a finais do século XIX, para continuar hoxe en día con dúas tendas de calzado.

A Comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións aprobou por unanimidade concederlle o premio ás actuais propietarias de Calzados Escala, a quinta xeración desta familia que mantén comercios en Betanzos e que segue a traxectoria profesional iniciada por Concepción Meijido Penedo coa taberna situada na avenida de Castela a finais do século XIX, no mesmo lugar onde hoxe se sitúa o restaurante La Casilla

Tras aquela taberna, en 1915 abriu o seu primeiro comercio na rúa Travesa, no que vendía botóns, cremalleiras e comezaba a venda de calzado con zapatillas, que compaxinaba con venda ambulante. Continuou a súa filla, Honorina Meijido, cambiando a localización do comercio á rúa Travesa número 41, empezando a especializarse en zapatillas. A actividade neste comercio ata 2014. A Honorina substituíuna a terceira xeración, a súa filla Purificación Villaverde,  que deixou definitivamente o mundo da mercería e a confección para especializarse de cheo en zapatillas e calzado, principalmente, infantil e xuvenil.

Purificación e a súa filla, Carmen Iglesias Villaverde, iniciaron a transformación do comercio orixinal nunha zapatería infantil e xuvenil de pel e en zapatillas para todas as idades. Actualmente, Calzados Escala, manteno a quinta xeración. Un comercio xestionado por mulleres que mantén dúas tendas no centro histórico, actualizándose e adaptándose ás necesidades do comercio de hoxe en día. Á fronte, dúas irmás, Beatriz Gómez Iglesias e Vitoria Gómez Iglesias.

O alcalde, Ramón García Vázquez, destacou a traxectoria comercial, “con máis de cen anos de historia, cinco xeracións de mulleres de Betanzos, que traballaron compatibilizando a súa familia co labor comercial e empresarial, ata converterse nun dos referentes do pequeno comercio de Betanzos”.

Representantes dos distintos partidos políticos xunto coas premiadas

DISCURSO DO ALCALDE:

Hoxe celebramos o que para nós é o acto central do Día Internacional da Muller: a entrega do Premio Úrsula Meléndez de Texeda.

Dende o comezo da loita polos dereitos das mulleres ata hoxe, foron moitos os pasos que demos cara á igualdade entre homes e mulleres, como dicía a concelleira de Servizos Sociais, María Barral, mais, a pesar diso, aínda nos queda moito camiño por andar.

Hoxe reunímonos para lembrar o sacrificio de todas aquelas mulleres que ao longo do último século loitaron pola igualdade, mulleres que durante anos foron vítimas silentes da cultura machista, ou aquelas que con suor, bágoas e sangue, pagaron un alto prezo para conseguir un mínimo nivel de independencia, igualdade e liberdade no mundo.

Hoxe lembramos, unha vez máis, algo que nunca se nos debe esquecer: que as mulleres son iguais aos homes en dereitos e liberdades.

A igualdade de xénero non debe ser concibida soamente como un dereito consagrado na nosa Constitución. Debe ser algo máis: debe ser unha convicción ideolóxica, un deber da cidadanía, unha expresión cultural, unha filosofía de vida, un valor social, tendo en conta que dende tempos inmemoriais a muller deu e dá sentido á vida, ata converterse en protagonista do presente e clave do futuro.

Non pode haber democracia perfecta, nin sociedade xusta sen a igualdade de xénero entre a muller e o home. Como dicía a escritora e defensora dos dereitos da muller, Clara Campoamor, “o nivel de civilización ao que chegaron diversas sociedades humanas está en proporción á independencia que gozan as mulleres”.

Non se trata, non obstante, de construír unha sociedade matriarcal. Non. O camiño é loitar por unha sociedade que ofreza as mesmas oportunidades para mulleres e homes na que prime a igualdade, o respecto, a confianza, o progreso, a paz e o amor fraternal.

Non se trata dunha loita da muller contra o home; todo o contrario, trátase de facer un camiño xuntos cun obxectivo común para todos: unha vila no que non haxa desigualdades de ningún tipo, impedindo  que sigan existindo aínda zonas onde as nenas, mozas, nais e anciás, sufran violencia, acoso sexual e desigualdade de dereitos; onde haxa mulleres que, por exemplo, teñan menores salarios en idénticos postos de traballo cos homes.

E aínda que o avance foi significativo desgraciadamente, polo que vemos nos medios de comunicación, aínda nos falta camiño por percorrer para alcanzar esa tan desexada igualdade real, social, política e económica da muller hoxe en día.

O Día Internacional da Muller debe servir para lembrar a importancia dos logros conseguidos mais tamén do que queda por facer. Por iso, considero que é fundamental que, como mínimo, unha vez ao ano, teñamos actos como este, de entrega do Premio Úrsula Meléndez de Texeda, que nos leve á reflexión e nos sirva para render unha máis que merecida homenaxe ás mulleres deste Concello que en épocas difíciles loitaron para reivindicar o seu papel, os seus dereitos, a base de esforzo, traballo e sacrificio, destacando, ademais,  na súa traxectoria profesional.

Se ata o de agora o Premio serviu para recoñecer a traxectoria persoal de moitas veciñas de Betanzos, este ano queremos destacar a unha familia que dende hai máis de cen anos mantén unha actividade comercial na nosa cidade a través de cinco xeracións, seis mulleres que para poder facer o seu traballo tiveron, nalgún caso, que saltarse os canons establecidos nas distintas épocas, dirixindo unha actividade empresarial que manteñen viva ata os nosos tempos e que, agardamos que manteñan durante moitos anos máis.

Todo comezou a finais do século XIX cando dona Concepción Meijido Penedo abriu unha taberna na avenida de Castela, xusto onde hoxe se asenta o Restaurante La Casilla. Dende alí, en 1915 trasladouse á rúa Travesa para comezar, fronte á Casa do Pobo, unha actividade comercial radicalmente distinta como era a venda de botóns, fíos, algo de roupa e zapatillas. Un traballo que compaxinaba coa venda ambulante en distintas feiras que se celebraban na provincia.

Dona Concepción deixou o posto a súa filla, dona Honorina Meijido que continuou co comercio mais noutro baixo da rúa Travesa, o número 41. Era o ano 1928. E nese baixo a familia estaría –escoiten ben- ata o ano 2014. Case nada.

Foi tamén nese baixo onde Honorina se deu conta da demanda que existía de zapatillas e comezou a tirar por ese camiño, algo no que incidiu a súa filla, a terceira xeración da familia, dona Purificación Villaverde Meijido que nos anos sesenta deixou o mundo da mercería e a confección para especializarse nas zapatillas e no calzado infantil e xuvenil. Foi o paso previo a outro cambio que marca o que hoxe é Calzados Escala.

A filla de dona Purificación, dona Carmen Iglesias Villaverde, remata o proxecto de transformación do negocio orixinal, centrándoo dende entón nun establecemento de calzado infantil e xuvenil de pel e en zapatillas para todas as idades.

Hoxe, Calzados Escala segue presente a través da súa quinta xeración, formada por Beatriz Gómez Iglesias e Victoria Gómez Iglesias, con dous locais no casco histórico, continuando coa tradición familiar, actualizándose e adaptándose ás necesidades do comercio de hoxe en día, ofertando calzado de pel para todas as idades, non só para nenos e nenas, e zapatillas, así como complementos e artigos especiais para o coidado e mantemento do calzado. E todo isto cunha máxima: mantendo a esencia, o espírito que un día impulsou a Concepción Meijido, alá a finais do século XIX,  a abrir a primeira tenda.

Tras cinco xeracións e tras máis de cen anos, estas mulleres conseguiron a base de esforzo, tesón e compatibilizando as tarefas familiares coas profesionais, que a día de hoxe os seus establecementos sexan referente do pequeno comercio de Betanzos.